11/10 Hoxe 11 de outubro remata o prazo para anotarvos nos Workshops Sargadelos 2017. Os WS son obradoiros de cerámica dirixidos a profesionais, que ofrecen formación da man de recoñecidos expertos a nivel internacional sobre innovadoras técnicas coas que acadar novos produtos que se poidan incorporar aos sectores da moda, da decoración e da gastronomía.
Fonte da foto: Gab. Comunicación Deputación |
– Cerámica e iluminación, do 23 ao 27 de outubro na fábrica de Sargadelos: obradoiro de deseño e desenrolo de pezas cerámicas con elementos de iluminación contemporánea para o sector da decoración. Os titores serán David Martí, Jordi Capdevila, Arturo Alvaréz, Manuel del Río e Carlos Álvarez. Terá lugar do 23 ao 27 de outubro na fábrica de Sargadelos, no Concello de Cervo.
– Cerámica e gastronomía, do 6 ao 10 novembro na fábrica de Sargadelos: obradoiro de deseño e desenrolo de pezas cerámicas para a gastronomía contemporánea. Os titores serán os deseñadores Isaac Piñeiro, Xabier Rilo e Ricardo Tubio, así como os cociñeiros Iago Pazos e Manuel Valencia. Abordarán a tipoloxía de cada peza segundo o tipo de prato. Terá lugar do 6 ao 10 de novembro na fábrica de Sargadelos en Cervo.
Os Workshops contan coa colaboración de profesionais das fábricas de Sargadelos, destacados deseñadores cunha recoñecida traxectoria a nivel internacional nas tres especialidades que se ofrecen (moda, iluminación e gastronomía) e de deseñadores da Escola de Deseño Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña e da Escola Superior de Moda de Galicia da Universidade de Vigo.
O Goberno Provincial financia na súa totalidade esta iniciativa con 20.000 euros, facendo que o custe para os interesados sexa de cero euros. “Facémolo porque queremos poñer en valor a cerámica de Sargadelos, un dos buques insignia deste sector na nosa provincia e en Galicia, que traspasa as nosas fronteiras, así como avanzar cara unha maior proxección. Creo que o pulo do noso xa punteiro sector cerámico e a súa modernización a través da consecución de innovadoras pezas que se incorporen a novos mercados vai a contribuír á dinamización da economía da nosa provincia e ao mantemento ou á xeración de novos postos de traballo. Por este motivo, decidimos ofrecer aos profesionais deste sector na nosa provincia esta formación gratuíta e innovadora da man de reputados expertos”, destacou o Presidente da Deputación Darío Campos o día da presentación.