FEB 2018 A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, presentaron este xoves, no patio do Vello Cárcere, a programación de Faladoiros Feministas, que pon en marcha o Concello e a Deputación de Lugo co obxecto de crear un espazo de reflexión da actualidade dende a mirada da muller.

A programación arrincará este venres, 2 de febreiro, ás 20:00 cunha charla con soporte audiovisual sobre series de televisión, onde a muller é protagonista e símbolo de empoderamento. Será a cargo da xornalista e licenciada en humanidades, María Valcárcel, e desenvolverase ata o 25 de maio no auditorio do centro cultural do Vello Cárcere. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo, 137 prazas.

O segundo relatorio será o 16 de febreiro, «Feminismos decoloniais» e versará sobre como construír a identidade das mulleres. A encargada é María Reimóndez, doutora en Tradución e Interpretación e fundadora da organización Implicadas no Desenvolvemento.

A terceira das conferencias será o 2 de marzo. María Xosé Porteiro, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas falará sobre a violencia simbólica.

Completan a programación os relatorios de Rosa Cobo, profesora de Socioloxía e Directora do Centro de Estudos do Xénero e Feminista da UDC,  sobre as aportacións do feminismo e novas formas do patriarcado, o 6 de abril; e de Marica Campo, mestra en varias escolas da provincia, sobre o feminismo e a literatura, o 25 de maio. Todas elas comezarán ás 20:00 horas no Vello Cárcere.

Esta iniciativa, de conexión do feminismo coa cidadadanía, trata de propoñer alternativas, para situacións derivadas da estrutura social patriarcal, erradicar os prexuízos que engaiolan ás mulleres, empoderalas e achegar o feminismo á sociedade, como ferramenta de loita contra as violencias machistas. Deste xeito, con esta programación de conferencias búscase aportar ferramentas e recursos para fortalecer o empoderamente feminino, favorecer o coñecemento e a situación actual en cuestións de igualdade, identificar as causas do estado actual de opresión patricular e definir propostas de solución, entre outros.

Durante o acto, no que tamén estivo presente Carmen Simón, representanta do Foro Feminista que se reúne os xoves no centro do Concello de Maruja Mallo, Ana Abelleira insistiu na necesidade do feminismo e lembrou a Simone de Beauvoir, quen o definía como unha forma de vivir a vida individualmente e de loitar pacífica e coletivamente. Así mesmo tamén quixo recordar a creación desta corrente, unha historia de hai 3 séculos, e reivindicou ao feminismo como un dereito de igualdade. Para rematar, fixo un chamamento ao compromiso coa igualdade de dereitos e coa súa visibilización, unha competencia tanto dos organismos públicos como da cidadanía.

Pola súa banda, Sonsoles López apuntou que “con estes faladoiros amosamos á cidadanía o significado real do feminismo porque cremos que hai moito descoñecemento deste movemento social que ten como principal obxectivo a igualdade de dereitos entre homes e mulleres, ao tempo que dende Deputación e Concello de Lugo queremos poñer en valor o fundamental papel que xogan as mulleres na nosa sociedade, dentro da nosa aposta conxunta por ser unhas institucións sumamente sociais e coas persoas”.

COMPARTE ESTE ARTIGO NAS TÚAS REDES

SÍGUE O FACEBOOK DE VIVA LUGO E ENTÉRATE DE TODAS AS CITAS CULTURAIS E SOCIAIS DA CIDADE