Fonte: Gabinete Comunicación Deputación

OCT 2017  Nove de cada dez galegos non teñen problemas para falar galego,o que supón que ten un coñecemento pasivo que se podería activar se se introducisen medidas claras que favorecesen o seu uso, e nesa liña, o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o Presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, asinaron un convenio de colaboración entre para apoiar e promover, deste xeito, as labores desta institución centenaria para o fomento da cultura galega e a promoción e estudo do idioma galego, cunha achega anual de 9.000 euros.

 “… a Real Academia Galega é unha entidade que vela polos dereitos do noso idioma, defendendo e promovendo os intereses de todos os galegos … estamos moi satisfeitos de contribuír co mantemento das súas actividades, como institución responsable do máximo patrimonio que nos identifica e que é o noso nexo de unión como colectivo ou sociedade, como é a lingua galega… non podemos quedar impasibles ante o lamentable retroceso que a lingua galega está tendo na nosa sociedade, nos ámbitos urbanos e incluso nas xeracións máis novas, cada día se fala menos galego e iso non é unha situación só para avaliar é unha situación sobre a que temos que actuar” Santos Ramos

Pola súa parte Freixanes quixo agradecer “en nome da Real Academia Galega a sensibilidade da Deputación de Lugo no apoio ás iniciativas da institución e no apoio ao funcionamento da propia Academia, que ten uns orzamentos que non chegan aos 900.000 euros, que se os comparamos coa Academia Vasca que son 3 millóns, e ca Academia Catalana que son preto de 10 millóns, a Academia Galega resiste en circunstancias ben complicadas”.

Lugo, a provincia na que máis galego se fala

En Galicia o 30,84% da poboación fala galego sempre, e o 20,06% fala máis galego ca castelán. Lugo é a provincia na que máis galego se fala: o 40,54 % da súa poboación fala sempre en galego e o 29,98% fala máis galego que castelán segundo os os últimos datos do IGE dispoñibles.
O retroceso da transmisión interxeracional do galego é especialmente importante nos contextos urbanos, persoas de mediana idade e con maior nivel de estudos; mentres, nos contextos rurais a transmisión prodúcese con normalidade e mesmo avanza nalgún caso. Entre as persoas nacidas antes de 1939, case o 80% eran galegofalantes habituais, mentres que nos nacidos despois do ano 2000, a porcentaxe non supera o 30%.