Fonte da foto: Gabinete Comunicación Deputación


OCT 2017 Unha iniciativa pioneira ven de ser presentada este venres na Sala de Instrumentos do Centro de Artesanía e Deseño (CentrAD) de Lugo: o proxecto de investigación, construción, difusión, interpretación e divulgación de instrumentos musicais da Idade Media impulsado por primeira vez en España por unha administración pública (a Deputación de Lugo)

O proxecto ofrece a profesionais do sector formación gratuíta da man de reputados Luthiers sobre a construción de instrumentos medievais adaptados ao século XXI. É dicir, non se realizarán réplicas, senón innovadoras e punteiras pezas, facilmente tocables por músicos contemporáneos.

E poderanse construír grazas ao traballo previo de investigación, enmarcado na primeira fase deste proxecto, que realizaron os propios mestres artesáns do CentrAD da Deputación de Lugo. Estes foron capaces de replicar instrumentos medievais que aparecen reflexados en esculturas en pedra de emblemáticos lugares como Pórtico da Gloria, a Catedral de Lugo ou o Pazo de Xelmírez, e logo elaborar os planos necesarios para construír instrumentos medievais para músicos contemporáneos.

Formación sobre a construcción

Debido á súa alta especialización, estes obradoiros están dirixidos a profesionais. Os interesados deben enviar o seu curriculum e facer a súa solicitude a info.centrad@deputacionlugo.org. Unha comisión técnica valorará a formación e traxectoria profesional para a selección dos participantes.

Son 5 prazas por obradoiro, que se desenvolveranse nas instalacións do CentrAD na capital luguesa.

1.- Obradoiro de GIGA e de Rota. Terá lugar do 30 de outubro a 11 de novembro. O titor é Christian Rault.  
2.- Obradoiro de viola oval con arco. Do 27 de novembro ao 2 de decembro. Impartido por Xermán Arias.
3.- Obradoiro de Cítola. Do 27 de novembro ao 2 de decembro. Impartido por Antonio Franco Carreira.
4.- Obradoiro de viola oval (II). Do 15 ao 27 de novembro. Impartido por Antonio Franco Carreira.
5.- Obradoiro de Zanfona. Do 11 de febreiro ao 2 de marzo. Impartido por Antonio Franco Carreira.
6.- Obradoiro de Salteiro. Tamén terá lugar en febreiro e marzo. Os titores serán Carlos Paniagua e Begoña Olavide.

Os proxectos estarán coordinados por Luciano Pérez, mestre artesán do CentrAD.

O cadro de profesionais que impartirán os obradoiros de construción está composto por artesáns e Luthiers de grande recoñecemento no sector e cunha ampla traxectoria no eido da recuperación de instrumentos musicais medievais. Estes son: 

Christian Rault
Francisco Luengo
Xermán Arias
Carlos Paniagua
Begoña Olavide
Luciano Pérez

Divulgación e formación sobre a interpretación

Tras a formación, haberá unha fase de difusión de todos coñecementos obtidos. Por exemplo, porase a disposición de todo o sector, a través da web oficial da Deputación, os planos destes instrumentos, facendo que a Deputación de Lugo sexa tamén a primeira institución no Estado en compartir e liberar unha investigación destas características. Os novos instrumentos tamén se porán a disposición dos músicos profesionais. Esta fase continuará con máis formación sobre a interpretación destas pezas. A previsión é ofrecer novos obradoiros para aprender a tocar estes instrumentos medievais, adaptados por completo ás características e necesidades da música contemporánea.

Na presentación, o Presidente da Deputación de Lugo, Campos Conde estivo acompañado, ademais de pola Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e a Concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre; polos mestres artesáns do CentrAD da Deputación de Lugo que se encargan da realización deste proxecto. Estes profesionais remataron o acto cun concerto de organistro e viola da punteira mostra de instrumentos medievais.