OCT 2017 A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, presentou este xoves, na Sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, as actividades culturais que ten programadas a entidade local de cara a conmemorar o Día dos Defuntos no cemiterio municipal de San Froilán, que se estrea como camposanto de mellores actividades de portas abertas de España, galardón que se suma ao de mellor monumento funerario de España. Trátase do V Concurso de Fotografía Estampas de Paz e Acougo, música clásica, unha ofrenda floral, teatro, andainas e visitas guiadas.

Baixo o lema Estampas de paz e acougo, nesta quinta edición, o concurso de fotografía versará sobre as figuras escultóricas nos cemiterios lucenses, as emocións e os sentimentos que trasmiten. Darase unha especial relevancia á captación da sensación de paz e harmonía coa que se impregan os recintos dos cemiterios. O prazo para presentar traballos, xa aberto, rematará o 1 de novembro. Como en anos anteriores establécense tres premios, que nesta quinta edición incrementan a cuantía, 500 euros para o primeiro, 200 para o segundo e 75 para o terceiro. Os traballos presentados expoñeranse na Capela do cemiterio.

Para o día 1 de novembro, o Concello ten programada música clásica ao longo de toda a xornada, e para o día 2, a tradicional ofrenda floral que a Corporación fai aos defuntos, ademais dun concerto da coral Lugh, a partir das 19:30 horas.
O día 4 de novembro celebrarase unha andaina polo Camiño Primitivo ata o cemiterio. O punto de saída establécese na Porta do Carme, ás 10:30 horas. O recorrido ten unha distancia aproximada de 5 quilómetros. Para participar nesta actividade é preciso inscribirse, ben a través do teléfono de atención cidadá 010 ou no Negociado do cemiterio, no Centro de Servizos Municipais. A data límite é o día 3. Os e as menores de idade deberán ir acompañados e con autorización dos seus titores legais. O Concello aconsella que cada persoa participante vaia provista de calzado cómodo, auga e un chaleco reflector.

Ao día seguinte, o 5 de novembro, o taller de arte dramática da USC-Lugo, Espazo 10 e Palimoquiños realizarán unha lectura dramatizada de Don Juan Tenorio. A entrada é de balde, pero deberanse retirar as invitacións previamente, pois existe un número limitado de 50 prazas, no Negociado de Cemiterio.
O día 8 de novembro, a partir das 19:00 horas, no cemiterio municipal celebrarase o Concerto da Lembranza e para o día 9 de novembro, ás 19:00 horas, está previsto un roteiro nocturno, con número limitado de 30 prazas. As inscricións tamén deben facerse no 010 e no Negociado de Cemiterio.