PROGRAMa-CONGRESO DE XENEROS-1

FEB 2018 A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este venres no Museo Provincial de Lugo o V Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación, que se celebrará dende o 15 ata o 17 de marzo. Tratase dunha iniciativa do Goberno da Deputación que ofrece experiencias e reflexións sobre a cuestión de xéneros e a educación. No acto estivo acompañada da Xerente da Rede Museística da Deputación, Encarna Lago e da Directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro.

García Porto remarcou que “dende o Goberno da Deputación promovemos os 365 días do ano a igualdade de xéneros e espazos de diálogo e cohesión social, xa que somos conscientes da necesidade de amosar a diversidade da sociedade actual e ofrecer ferramentas para o desenvolvemento en igualdade de condicións a través da arte e a didáctica”.

“Este Congreso, que xa celebra a V edición, é unha boa mostra do firme compromiso do Executivo Provincial por unha Deputación social e coas persoas, unha institución sensibilizada e apegada ás inquedanzas culturais da provincia, como así o demostra os diversos recoñecementos que acaba de recibir polo seu traballo en prol da diversidade social e as boas prácticas”, avanzou a Deputada.

Acreditación do ICOM

Encarna Lago avanzou que este Congreso contará coa presenza do Director do Consello Internacional de Museos, (ICOM), Luis Grau, pois este encontro conta coa acreditación da ICOM para España para a súa difusión e promoción. Para inscribirse, a partir do día 26 de febreiro, pode facerse a través do seguinte link; http://redemuseisticalugo.org/index.asp.

Relatorios

Os encontros terán lugar na Rede Museística da Deputación. A inauguración será o día 15 no Museo Provincial e pola tarde no Pazo de Tor; o 16 no Museo do Mar e o 17 en San Paio de Narla. Esta nova edición contará con máis de 25 representantes de diferentes asociacións, investigadores, profesores, así como iniciativas sociais en xéneros, activismo, persoas con capacidades diferentes, diversidade e educación que afondarán na visibilización e diversidade do tecido social.

Ponentes

Os ponentes que intervirán son, entre outros, Víctor Fraga Gayoso, Psicólogo de Institucións Penitenciarias, co proxecto Guerrilla de Palabras; Mónica Álvarez San Primitivo e Nerea Rodríguez, que avanzarán o programa ACADAR, sobre Violencia contra as mulleres con discapacidade; Estella Freire e Candela Rajal sobre Espazos Resistencia. Ademais, intervirá a Directora do Museo da Tertulia de Cali (Colombia), Ana Lucía Llano Domínguez; Rosario Sarmiento falarán sobre “Arte e muller na Galicia contemporánea”. A Catedrática de Historia, Concha Gaudó presentará 100 anos de feminismo pacifista. Paula Cabaleiro, Ánxela Caramés e Lucía Canoura Sánchez explicarán a visibilizacion feminina, e Amelia Aguado Álvarez, presentará o relatorio “Raíñas guerreiras. O papel da muller tradicional africana a través das pezas do museo”, e Aitziber Urtasun: A arte como ferramenta social.