Fonte: Gabinete de Comunicación da USC

27/09 Recta final para as máis de 40 persoas que participan no Maratón Fotográfico da USC. O prazo para entregar as fotos remata o martes 27 ás 14:00 horas e o tema desvelado pola organización onte na mañanciña foi – redobre- : as persoas e as máquinas e a diversidade de relacións, utilidades, necesidades e ata dependencia que as une, imaxes que reflictan ou simbolicen a cada vez máis estreita, que non sempre harmónica, relación que une as persoas coas máquinas.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, informou este martes ás persoas inscritas que se deron cita na Casa do Saber sobre as singularidades desta edición, unha cita na que ten cabida a fotografía analóxica e a dixital e na que tamén se deixa vía libre á creatividade dos participantes tanto no tema proposto como na modalidade libre. O coordinador do Espazo de Fotografía do campus de Lugo e membro do Grupo Cinematográfico Fonmiñá, Eduardo Ochoa, subliñou neste senso que un dos obxectivos deste certame fotográfico e favorecer e, se cabe, estimular a creatividade dos afeccionados á fotografía.

Os organizadores do XXIII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC contemplan a entrega de dous premios:

  • O autor/a da mellor fotografía do tema tema proposto pola organización recibirá o Premio Carlos Valcárcel, dotado con 350 euros en metálico, ademais de diploma e trofeo.
  • O premio á mellor fotografía do tema libre inclúe unha gratificación en metálico de 250 euros, diploma e trofeo.

Todos os participantes non premiados tamén recibirán un diploma acreditativo da súa participación. Como nas edicións anteriores, ao remate do certame, a organización fará unha escolma entre as imaxes presentadas a concurso, a fin de que todos os autores/as estean representados con algún dos seus traballos. Este material fotográfico, co que está previsto editar un catálogo dixital, tamén será exposto ao público no marco dunha exposición que poderá visitarse nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación Provincial de Lugo a partir do 8 de novembro, data na que está prevista a celebración da entrega de premios ás persoas autoras das imaxes galardoadas.

O Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC é un certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan Concello e Deputación de Lugo xunto coa USC.