Antes de nós, dirixida por Ángeles Huerta, foi a produción máis premiada da gala ao acadar 13 recoñecementos entre as categorías artísticas e técnicas, igualando así o récord histórico de Dhogs nos Mestre Mateo.
Entre os galardóns conseguidos por Antes de nós figuran:
A gala deixou tamén instantes especialmente emotivos, como a entrega do premio a Mellor interpretación masculina de reparto a Miquel Ínsua por Antes de nós, falecido este ano, cuxa lembranza estivo moi presente durante o acto e converteu o momento nunha das homenaxes máis sentidas da noite.
Sirāt, a produción dirixida por Oliver Laxe fíxose co premio a Mellor longametraxe, ademais de sumar os galardóns a Mellor música orixinal, para Kangding Ray, e Mellor son, para Amanda Villavieja.
No conxunto das categorías profesionais, a presenza feminina foi especialmente salientable: 11 dos 16 galardóns foron recollidos por mulleres, o que supón preto do 70 % dos premios, consolidando unha tendencia de crecente protagonismo feminino no sector audiovisual galego.
En canto ao resto de categorías, no ámbito televisivo Cos pés na terra fíxose co galardón a Mellor programa Weiss & Morales acadou o premio a Mellor serie de televisión, mentres que Bechos foi recoñecida como Mellor serie web.
O galardón a Mellor documental foi para 360 Curvas, dirixido por Alejandro Gándara, Ariadna Silva Fernández.
Nas categorías de curtametraxes, Curmán, dirixido por Alejandor Jato, foi distinguida como Mellor curtametraxe de imaxe real, mentres que O corpo de Cristo, de Abano Producións e Uniko dirixido por Bea Lema, acadou o premio á Mellor curtametraxe de animación.
O premio a Mellor videoclip foi para Hibernarse – O videofilme, producido por Fillas de Cassandra, e Ao noroeste do oeste, de Undodez e Medio Limón, foi recoñecido como Mellor anuncio publicitario. O galardón a Mellor comunicador foi para Xosé Ramón Gayoso por Luar, mentres que Marcos Nine obtivo o premio á Mellor realización por Historias de aquí.
Outro dos momentos máis salientables da noite foi a entrega do Premio de Honra á tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo, en recoñecemento á súa traxectoria e contribución ao audiovisual galego.
O evento, presentado por Trisha Fernández e Federico Pérez, celebrouse no Auditorio Fuxan os Ventos e contou coa presenza das principais autoridades locais e institucionais.
A noite estivo tamén marcada polas actuacións musicais de Xabier Díaz e Mondra.
A presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, fixo un firme chamamento contra a guerra no seu discurso e reivindicando un claro “non ás guerras” desde o sector audiovisual. Veiga subliñou tamén a importancia da unión de todo o sector para fortalecer unha comunidade en constante crecemento e reivindicou o traballo das distintas asociacións profesionais na defensa dos dereitos e da cultura galega.
A gala contou co apoio de AGADIC – Xunta de Galicia, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Concellaría de Cultura do Concello de Lugo
Fotografías oficiais realizadas para a Academia Galega do Audiovisual, entidade organizadora da gala. Podes ver máis fotos no seguinte Flickr
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte