Foto: I. Mouronte

O XXXVI Festival de Jazz de Lugo celebrado do 4 ao 14 de novembro de 2026 baixo a infatigable organización da Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, deixa un balance sobresaliente. A cidade murada acolleu un cartel de primeiro nivel que soubo equilibrar á perfección o respecto pola tradición do xénero coas propostas máis arriscadas e contemporáneas.

A programación dos escenarios principais —o Auditorio Fuxan os Ventos e o Círculo das Artes— demostrou unha ambición curatorial difícil de igualar no panorama estatal. O arranque co Paquito D’Rivera Trio e a maxia ao piano do Kenny Barron Trio marcaron dous fitos de elegancia e virtuosismo difícilmente esquecibles. A eles sumouse a homenaxe ao centenario de John Coltrane da man do James Carter Organ Trio (Trane – A Centennial Supreme), unha descarga de enerxía e dominio técnico.
Foto: I. Mouronte

A diversidade estilística brillou con forza grazas ao jazz-funk moderno do trompetista xaponés Takuya Kuroda Quintet, a proposta vangardista do Patricia Brennan Septet e o diálogo transfronteirizo entre o trompetista Erik Truffaz e o cantaor e saxofonista Antonio Lizana co seu proxecto New Sketches of Spain, homenaxe a Miles Davis. O peche no Círculo das Artes coa Clarence Bekker Band puxo o broche de ouro cargado de soul e vibración positiva.

O pianista compostelán Abe Rábade tivo un papel central, presentando o seu proxecto Nova Botánica cun concerto de balde no Auditorio Fuxan os Ventos e regresando despois ao formato íntimo de trío xunto ao saxofonista Ariel Brínguez no Club Clavicémbalo.
O espírito do Club Clavicémbalo

As sesións nocturnas no mítico Clavicémbalo mantiveron acesa a chama do jazz máis próximo e eléctrico. Por alí pasaron propostas tan variadas como o trío internacional de Luis Nacht, Demian Cabaud & Jeff Williams, a voz de Irati Bilbao Sextet, o tributo a John Scofield de Do Like Sco, a enerxía de Andres Coll Cosmic Trío ou o peche festivo de Cachas & Cousins.

A colaboración coas institucións permitiu ofrecer concertos gratuítos de altísima calidade, como o das portuguesas Jogo de Damas no Círculo das Artes ou o de Mariola Membrives Trío na Casa do Saber da USC, ou o mencionado de Abe Rábade no Fuxan os Ventos.

FOTOGRAFÍAS DE IVÁN MOURONTE:

Iván Mouronte, ilustrador e fotógrafo colaborador habitual deste medio dixital.

Web oficial de Iván Mouronte