
A publicación de Adra Pallón, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Puraga, documenta a relación entre as bestas, os besteiros e o territorio, con especial atención á Serra do Xistral.
O Pazo de San Marcos acolleu a presentación de Ferra-lo vento, o libro fotográfico de Adra Pallón que afonda na cultura do cabalo nos montes galegos e reivindica o papel dos gandeiros e gandeiras na conservación deste patrimonio cultural, natural e gandeiro.
A publicación propón un percorrido visual pola relación entre os animais, as persoas que os coidan e as paisaxes que comparten, especialmente na contorna da Serra do Xistral.

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos encheuse de público para coñecer de primeira man o proceso creativo e documental que deu lugar ao volume.

O fotógrafo Adra Pallón, Belén Cordero, responsable da dirección artística, e Nieves Neira, autora do texto que pecha a publicación, explicaron o traballo desenvolvido a través de conversas con gandeiros e gandeiras, xornadas no monte e un labor de investigación creativa e técnica. O libro contou tamén coa colaboración de Brais García, responsable do Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación.

Durante o acto, o responsable de Rural da institución provincial, Daniel García, destacou o valor desta iniciativa como recoñecemento ás persoas que manteñen viva esta tradición: «Ferra-lo vento é o noso recoñecemento a todos os gandeiros e gandeiras que mantedes viva día a día a cultura do cabalo nos montes co voso esforzo e compromiso». García agradeceu tamén a transmisión xeracional dos coñecementos vinculados á cultura besteira e á xestión do territorio.
Neste sentido, subliñou a importancia do cabalo de pura raza galega nos montes, tanto pola súa contribución á xestión territorial e á prevención dos incendios como pola súa capacidade para dinamizar a vida social e as feiras gandeiras locais. Unha actividade que, ademais, permite conservar unha tradición cultural e natural profundamente ligada á identidade rural de Galicia.

As marcas das ganderías, fío condutor da publicación
Ferra-lo vento reúne máis dun cento de fotografías organizadas en tres bloques que exploran diferentes dimensións da relación entre os cabalos, os besteiros e besteiras e a paisaxe.
Un dos elementos que articula conceptual e visualmente o libro son as marcas coas que as ganderías identifican os animais que viven nos montes. A publicación documenta unha trintena destas sinais, converténdose tamén nun rexistro dun patrimonio que forma parte da memoria colectiva do rural galego.

A primeira parte sitúa as bestas no seu medio natural. As fotografías detéñense nos corpos dos animais, nas greas e nunha paisaxe marcada pola néboa, a neve e as turbeiras. O territorio adquire así un protagonismo propio: non é un simple escenario, senón un espazo vivo que condiciona a existencia dos cabalos e que tamén se transforma co seu paso.

A segunda sección céntrase na relación entre os animais e as persoas que os coidan. O libro acompaña os labores de procura e recollida das bestas, os curros, as feiras, as rapas e os procesos de amansamento. As imaxes amosan un coñecemento construído durante xeracións, baseado na observación, na experiencia e na habilidade, pero tamén reflicten as tensións entre o coidado e o control, o vínculo e a imposición.

Na terceira parte, a mirada fotográfica cambia de perspectiva para ofrecer un espazo propio aos besteiros. Os protagonistas aparecen retratados cos seus cabalos nos lugares e nas posicións que eles mesmos escollen, nun exercicio que lles permite decidir como queren mostrarse ante a cámara.
Unha homenaxe á memoria dos besteiros
A presentación rematou cunha homenaxe a Luciano García, da gandería Xan das Bouzas, falecido o pasado mes de xullo. García foi un dos impulsores da baixada dos cabalos das San Lucas e fundador de Puraga, polo que a súa figura quedou especialmente vinculada á conservación e difusión desta tradición.
A asociación Puraga recibiu tamén un agasallo de recoñecemento polo seu labor, que foi recollido polo seu presidente, Miguel Ángel Pernas.
Con Ferra-lo vento, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Puraga impulsan unha publicación que vai máis alá do rexistro fotográfico para converterse nun testemuño da cultura besteira. Unha forma de vida, unha relación co territorio e un patrimonio transmitido de xeración en xeración que atopa nas rapas e nas San Lucas algunhas das súas manifestacións máis visibles, pero que se mantén vivo, sobre todo, grazas ao traballo cotián das persoas que coidan os cabalos nos montes.




