Presentación da programación Nadal 2026. Foto: Gab. Com. Concello de Lugo.

O Concello de Lugo presentou a programación do Nadal 2026, unha proposta que busca recuperar a esencia destas festas e ofrecer actividades culturais, musicais e de lecer para toda a cidadanía.

A programación combina tradición, dinamización comercial e propostas familiares, cunha especial atención aos barrios e ao medio rural.

O acendido da iluminación navideña terá lugar o 4 de decembro, ás 18:30 horas, cunha decoración renovada que se estenderá por rúas, prazas e diferentes zonas da cidade.

O alumeado contará con máis de 1,3 millóns de microLED, 241 arcos luminosos, 12 árbores de Nadal e máis de medio cento de elementos decorativos tridimensionais.

A Praza Maior volverá ser un dos principais puntos de encontro, cunha árbore de Nadal de vinte metros de altura, un belén luminoso e unha pequena vila de Nadal.

Entre as novidades destaca a instalación de catro estacións decorativas na zona norte da cidade, situadas no barrio da Residencia, Agro do Rolo, rúa Menorca e parque da Milagrosa. Estes espazos, identificados coas letras L, U, G e O, crearán novos puntos de encontro e permitirán achegar a ambientación navideña a diferentes barrios.

A Praza Maior acollerá, do 4 de decembro ao 5 de xaneiro, un Mercado de Nadal con casetas de madeira e postos de alimentación.

A programación incluirá tamén a II Feira de Emprendemento Infantil para o Comercio, que se celebrará o 12 de decembro na Praza de Abastos, e unha nova edición de Diversiarte, os días 15, 16 e 17, coa participación de entidades sociais.

O apoio ao comercio local será outro dos eixes das festas, cun concurso de escaparates e actividades de dinamización en distintos barrios. Augas Férreas e Fontiñas contarán cunha programación especial que incluirá a visita do Carteiro Real, actuacións de corais, cancións tradicionais galegas e animación musical. Ademais, Augas Férreas disporá dun tren infantil recreativo.

A programación familiar contará con dous carruseis infantís gratuítos, situados nas prazas do Ferrol e da Milagrosa, mediante bonos que se distribuirán a través de establecementos comerciais e hostaleiros e entre as persoas participantes nas visitas guiadas.

Tamén se organizarán catro rutas para descubrir o patrimonio artístico, histórico, natural e contemporáneo da cidade. Todas as rutas terán como punto de saída o Mercado de Nadal da Praza Maior e celebraranse nas seguintes datas:

  • 19 de decembro, ás 11:00 horas: Arte nas rúas.
  • 23 de decembro, ás 17:00 horas: Patrimonio milenario
  • 26 de decembro, ás 11:00 horas: Patrimonio natural
  • 30 de decembro, ás 17:00 horas: Patrimonio contemporáneo

Cada percorrido terá unha duración aproximada de dúas horas.

O programa cultural incluirá máis dun cento de actividades e preto de 60 obradoiros e sesións formativas para todas as idades. Haberá propostas de cociña, reciclaxe, creatividade, artesanía e decoración en diferentes espazos municipais, como a Fábrica da Luz, o Coliving Artístico Municipal, o Vello Cárcere e a Praza de Abastos. Os museos lucenses tamén acollerán actividades e obradoiros relacionados co Nadal.

A música terá un protagonismo destacado, con concertos de diferentes estilos e artistas de proxección internacional. Entre as grandes citas figura a actuación da pianista Martha Argerich, unha das intérpretes máis recoñecidas do mundo e gañadora de tres premios Grammy. A programación completarase con propostas de jazz, gospel, música clásica, pop, música tradicional e coral, nas que participarán artistas como Sergey Malov, Great Straits, Miguel Costas, Ismael Serrano, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, entre outros.

Al Di Meola, o guitarrista estadounidense, unha das grandes figuras do jazz e da música de fusión, actuará o 1 de decembro, ás 20:00 horas, no Auditorio Fuxan os Ventos, na súa única actuación en España (+ info sobre este concerto). Pola súa banda, María do Ceo, recoñecida intérprete de fado, ofrecerá un concerto o 25 de decembro na Catedral de Lugo.

A oferta musical estenderase tamén ás residencias e centros de atención a persoas maiores, onde a Banda Municipal de Música ofrecerá actuacións entre o 16 e o 23 de decembro, achegando a música destas festas a dez centros da cidade e do municipio.

Para o público infantil e familiar, a principal novidade será unha carpa interxeracional na Praza da Horta do Seminario, cunha programación diaria e gratuíta que incluirá cine de temática navideña, contacontos, actuacións de corais e espectáculos familiares, entre eles o de Mamá Cabra.

A oferta completarase con teatro, maxia, musicais e espectáculos como Luli Pampín, Disney, El show de Mickey e Tadeo Jones y la lámpara maravillosa.

A mocidade contará con sesións de escape room na Casa da Xuventude, mentres que a programación deportiva incluirá o Torneo Nadal Xaquedrum e unha nova edición da Carreira de San Silvestre, que se celebrará o 31 de decembro. Papá Noel e os Reis Magos tamén percorrerán as parroquias do municipio para recoller as cartas e peticións dos nenos e nenas.

Con esta programación, o Concello pretende ofrecer un Nadal inclusivo e participativo, que combine tradición e novas propostas, impulse o comercio local e cree espazos de encontro e convivencia para persoas de todas as idades.

Nos próximos días habilitarase un mapa interactivo para consultar toda a información sobre as actividades do Nadal 2026.