A mostra ‘Defensoras’ lembra ata finais de febreiro na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo o cometido desenvolvido ao longo da
historia por once mulleres que destacaron pola súa loita a prol da defensa dos dereitos humanos.
A exposición, coordinada pola profesora Beatriz Fernández Herrero e elaborada por alumnado de último curso do grao en Ciencias da Cultura, está estruturada en paneis informativos que achegan unha semblanza de once mulleres que, en distintos ámbitos, constitúen verdadeiras referentes na loita polos dereitos humanos.
A selección de ‘Defensoras’ abrangue un amplo período de tempo e diferentes áreas xeográficas e culturais. Daquela, nesta escolma figuran mulleres como Eleanor Roosevelt, principal promotora da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, ata outras máis actuais como a paquistaní Malala Yousafzai, defensora do dereito á educación.
Esta actividade formativa e de sensibilización que desenvolve o alumnado do grao en Ciencias da Cultura por terceira vez, ten como obxectivo dar a coñecer a tarefa de mulleres que traballan por facer realidade a universalización dos dereitos humanos.
As persoas interesadas poden visitar a mostra ata o 28 de febreiro no vestíbulo de entrada á cafetería da Facultade de Humanidades de Lugo.