Artistas plásticos lugueses súmanse á loita contra o cancro
Artistas plásticos lugueses súmanse ao proxecto ‘Minerais contra o Cancro’ coa doazón de 21 obras pictóricas. As creacións cedidas á iniciativa de ciencia social coordinada por Marta López Alonso permanecen expostas no Vello Cárcere ata o 31 de marzo. A recadación obtida pola súa venda irá para o proxecto de I+D de aberto ao micromecenado na web da FECYT
Artistas: Berio Molina, Boente, Bordell, Caxigueiro, Christian Villamide, García Gesto, Honorio, Iago Eireos, Isabel Somoza, Jorge Espiral, Lomarti, Luz Darriba, Macía, Mónica Alonso, Otero Yglesias, Peña Romay, Santiago Catalán, Sesé Santiso, Vicente Blanco, Xermán Refojo e Xoán Guerreiro.
O público que acuda a visitar a exposición poderá tamén mercar calquera das creacións expostas coa certeza de que a recadación obtida se destinará de xeito íntegro a financiar o proxecto de I+D ‘Minerais contra o Cancro’, centrado e pescudar a incidencia dos minerais nos pacientes oncolóxicos, segundo subliñou López Alonso.
Á falta de pouco máis dunha semana para finalizar a campaña de micromecenado social apoiada pola FECYT, López Alonso agradece especialmente o novo impulso ao proxecto chegado desde o mundo da arte.
“Trátase dun acto de grandiosa xenerosidade por parte dos artistas plásticos lugueses, que, sen excepción, decidiron sumarse á loita contra o cancro doando o seu ben máis prezado: as súas creacións”, dixo a coordinadora de ‘Minerais contra o Cancro” para, de seguido, engadir, que “esta nova achega garante que este proxecto pase de ser unha ilusión a converterse en realidade”.