Actividades de verán en Terras do Miño e Ancares Lucenses. Rutas en kaiak, itinerarios pola natureza, obradoiros de carpintería ou fotografía, unha xornada sobre os morcegos e outra para achegarse á astronomía con acampada nocturna son algunhas das iniciativas que están programadas.

A Deputación de Lugo organiza un novo programa de actividades gratuítas para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental nas reservas da biosfera de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

A programación inclúe once propostas para todos os públicos, que se desenvolverán no terceiro trimestre do ano, dende o 2 de xullo ata o 30 de setembro.

As actividades teñen o aforo limitado, polo que as persoas interesadas deberán anotarse nos números de teléfono 982.227.812 e 982.227.813 para as iniciativas que se desenvolvan na Reserva dos Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá e para as que teñan lugar na Reserva da Biosfera de Terras do Miño haberá habilitado un espazo na web: http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais.