200 actividades, máis de 100 musicais no San Froilán 2022.
“Contamos con máis de medio cento de agrupacións locais e na que todas as veciñas e veciños de Lugo terán algún contido que se adapte ao seu gusto”, explicou Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou nunha nova xuntanza da Comisión de Festas, o programa completo do San Froilán 2022.
Ferreiro destacou que “entre o 4 e o 12 de outubro, as rúas de Lugo acollerán máis de 200 actividades, e máis da metade delas serán musicais, dando lugar a un programa do San Froilán no que todas as veciñas e veciños de Lugo atoparán unha actividade do seu gusto”.
“As agrupacións locais terán o protagonismo nos concertos e nas actividades de rúa”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “contaremos con máis de 50 grupos de Lugo e concertos de primeiro nivel”.
A volta da gran festa do outono galego sen restriccións sanitarias supón a volta de actividades que nos anos da pandemia se aprazaron debido ás masificacións. “Este ano volverá o desfile do traxe tradicional, celebrando o seu 50 aniversario”, anunciou a edil de Cultura, que engadiu “tamén volve o desfile do gando, que terá lugar o venres 7 ás 6 da tarde”.
As familias contarán con 22 actividades de calidade, que se celebrarán tanto na carpa do aparcadoiro do Seminario como nas rúas de Lugo dentro do San Froilán Miúdo. En total, o programa conta con 50 concertos en escenario e preto de 90 actividades de rúa, con pasarrúas, espectáculos itinerantes e animación nos barrios.
Maite Ferreiro anunciou que esta é a edición “máis social” do San Froilán:
- Na edición deste ano haberá un novo servizo de punto lila, onde especialistas en materia de igualdade traballarán en informar, concienciar e dar pautas para evitar situacións de acoso e violencia machista, e proporcionarán apoio, refuxio e asesoramento no caso de que acontezan.
- Ademais, por primeira vez contarase cun servizo de mochilas vibratorias para persoas con discapacidade auditiva nos concertos da praza Horta do Seminario.
Maite Ferreiro anunciou que o programa estará impreso nos próximos días e pode descargarse xa na web sanfroilan.info.