Actividades literarias e gastronómicas no «Ulises Pasea Lugo 2024”
Os días 16, 17 e 18 de maio celébrase a segunda edición deste evento que celebra o centenario da publicación do Ulises de Joyce en 18 cidades europeas que forman parte da rede Ulysses European Odissey.
«Ulises Pasea Lugo” coloca a Lugo no mapa da cultura a nivel europeo capitais como París, Atenas, Budapest, Berlín, Copenhage ou Estambul.
Na edición deste ano, a comida volverá ser a protagonista dun programa que arrincará a mañá do xoves 16 no Mercado de Abastos de Lugo, coa reconstrución sonora deste espazo hai un século a cargo da Fundación Legar, de Xavier Blanco e Martina Ferradáns.
Seguidamente, o poeta Antom Fortes, do colectivo de Lupercais dará un brinde poético antes de dar paso ao primeiro faladoiro que terá lugar ás 17h no Vello Cárcere. Alí, a escritora María Sánchez, o gastrónomo Jorge Guitián e os produtores comprometidos co territorio, Adrián Lago (Queixos do Castelo) e Román Sánchez (Cooperativa A Carqueixa) analizarán os puntos de encontro entre literatura, gastronomía, arte e identidade.
Nese mesmo espazo, ás 18h, terá lugar o segundo faladoiro en “Homenaxe Ánxel Fole: De Yunque a Historias que ninguén Cree” no que os escritores Constantino Bértolo, Branca Novoneyra e Claudio Rodríguez Fer, canda o xornalista discípulo de Fole, Juan Soto, analizarán e despregarán a figura poliédrica de Ánxel Fole.
O poeta lugués Lois Pérez será o encargado de pórlle o ramo a esta xornada cun brinde poético.
Venres 17
Coincidindo coas Letras Galegas, a xornada do venres 17 sucederá en sesión de tarde, e dará comezo ás 17:30 no Vello Cárcere, co faladoiro “Galicia e Irlanda: Do celtismo á recepción do Ulises na literatura actual” no que os escritores Marilar Aleixandre e Felipe Senén debullarán, canda o dramaturgo Eusebio Lázaro, a influencia do Ulises na literatura actual.
O poeta Xerardo Quintiá, de Lupercais, será o encargado do brinde poético ao remate do debate. A banda Radio Océano poralle o albaroque a esta xornada coa celebración dun concerto no Mercado de Abastos a partir das dez da noite.
Sábado 18
A xornada do sábado 18 comezará ás 11h no Pazo de Orbán desde onde a Lidia de la Fuente (Camiños con Arte) guiará unha ruta patrimonial «O Lugo de Ánxel Fole». Unha hora máis tarde, ás 12h, terá lugar unha lectura foleana onda a estatua do autor situada na traseira do Concello. Ás 13h, o Clube de Lectura Lugo fará unha lectura do Capítulo VIII do Ulises, Lestrigóns, no Portón do Recanto e, ao seu remate, a escritora luguesa Marica Campo recitará o seu brinde poético.
A segunda edición do “Ulises pasea por Lugo” rematará ás 20:30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire coa peza de danza “Afectos” a cargo da compañía de Kirenia Martínez.
Organiza: a Fundación Uxío Novoneyra co apoio da Área de Cultura e Turismo do Concello de Lugo e do programa Ulysses European Odissey.