O XXVI Festival de Teatro Universitario abre este martes a burbulla cultural de outubro. A programación do Lugo Cultural inclúe este mes unha nova edición do encontro de música electroacústica ‘Sons Creativos’ na Casa do Saber, onde continúan as intervencións de mulleres creativas

Burbullas Culturais - Programa de outubro 2020

O XXVI Festival de Teatro Universitario abre este martes na Casa do Saber a burbulla cultural de outubro no Campus de Lugo, unha programación que tamén inclúe, ademais das actividades de formación e representación teatral, unha nova edición do evento de música electroacústica ‘Sons Creativos’, e novas intervencións de mulleres creativas, das que serán protagonistas Arantxa Treus e Marga Portomeñe.

O festival de teatro universitario arranca cunha cita de luxo. O director da Aula de Teatro de Ourense, Fernando Dacosta, presentará o martes 13 de outubro, ás 20.30 horas, na Casa do Saber, as conclusións da súa tese de doutoramento sobre a historia do teatro universitario en Galicia, no marco dunha sesión na que tamén intervirá Tareixa Campo, quen foi a primeira directora da Aula de Teatro da USC no Campus de Lugo.

A programación desta nova edición do festival de teatro universitario continuará ao día seguinte, a partir das 20.30 horas, no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo, cunha intervención da compañía de teatro USC-Lugo. A formación teatral dirixida por Sergio Zearreta presentará o proceso de creación da obra ‘Ubú Rei’, de Alfred Jarry.

O grupo Maricastaña da Aula de Teatro de Ourense pechará o xoves a primeira parte do XXVI Festival de Teatro Universitario coa escenificación da peza ‘Imperátor’, unha peza escrita e dirixida por Fernando Dacosta. A representación desta montaxe será o xoves 14, a partir das 20.30 horas, no auditorio Gustavo Freire.

Alén das representacións teatrais, o festival contempla a celebración de diversas actividades formativas complementarias. Así, desenvolveranse diversos talleres de dramaturxia, marionetas, arte dramática e dirección de escena. O festival rematará o 2 de decembro coa compañía da Teatro da USC-Santiago de Compostela. A formación dirixida por Roberto Salgueiro presentará no ‘Gustavo Freire’, a partir das 20.30 horas, a obra ‘En inverno non vai tempo para ir á praia, pero ti insistiches en ir a facer un picnic’.

Mulleres creativas

A iniciativa ‘Mulleres creativas’, iniciado en setembro co obxecto de facer visible o traballo das creadoras no noso país, continuará no mes de outubro coas intervencións de Arantxa Treus e Marga Portomeñe. A actriz e dramaturga Arantxa Treus, que vén de ser galardoada no Festival de Teatro Galego de Carballiño, representará o luns 19, ás 20.30 horas, na Casa do Saber a peza ‘Sopresa’. Ao remate da súa intervención, o público

poderá participar nun coloquio coa actriz. A artista luguesa Marga Portomeñe intervirá o luns 26, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber, onde ofrecerá o relatorio- demostración ‘Como vivir ou convivir coa creación artística’. 

A nova edición do evento de música electroacústica ‘Sons Creativos’, un programa pomovido e coordinado por Xoán Xil e Inmaculada Cárdenas, desenvolverase do 22 ao 25 de outubro na Casa do Saber. O programa inclúe as actuacións do Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago, integrado por Inmaculada Cárdenas, Mónica Álvarez e Efraín Díaz, que actuará o día 22, ás 20.30 horas. Ao día seguinte intervirá no mesmo escenario ‘Colapso Jam’. ‘Lar Legido’ e ‘Fotogenia’ pecharán a quenda de intervencións os días 24 e 25 de outubro.

Entradas

As actividades promovidas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan o Concello e a Deputación Provincial de Lugo xunto coa USC, son de carácter gratuíto. Aínda así, dada a actual situación sanitaria deparada pola pandemia da COVID-19, para asistir como público a calquera dos eventos incluídos na ‘burbulla’ do mes de outubro, cómpre enviar unha solicitude de petición de entrada ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es a partir do venres anterior a cada actividade. Nese correo facilitarase o nome completo da persoa o seu DNI e teléfono. A oficina da Área de Cultura da USC no Campus de Lugo atenderá as reservas por rigorosa orde de petición.