- Este evento ha pasado.
Inauguración da exposición «Facedoras de Lugo, 2025-2026» de Mar Caldas

Inauguración da exposición «Facedoras de Lugo, 2025-2026» de Mar Caldas
Xoves 05 de marzo ás 19:00 h. no Museo Provincial de Lugo.
Esta iniciativa forma parte dunha liña de traballo desenvolvida pola autora desde hai máis dunha década co obxectivo de visibilizar a contribución das mulleres ás súas comunidades. Nesta edición, o foco sitúase nas tarefas vinculadas cos animais, principalmente na gandaría, pero tamén na apicultura e na veterinaria.
A mostra fúndase no traballo de campo realizado en concellos como A Pontenova, Guitiriz, Friol, Guntín, Castroverde, Outeiro de Rei, Castro de Rei, O Páramo, Taboada, Monterroso, Becerreá e Ribeira de Piquín. Nestas localizacións documentáronse granxas de diferentes dimensións que, en moitos casos, optan pola produción ecolóxica ou a cría de razas autóctonas. As dez fotografías expostas en ambas sedes museísticas funcionan como unha mostra das ocupacións retratadas e da variedade territorial da provincia.
As imaxes reflicten a diversidade de perfís das mulleres fotografadas, cuxas bagaxes van desde a herdanza familiar de saberes ata a formación académica. O proxecto documenta a incorporación de novas xeracións ao medio rural e o vínculo que estas profesionais manteñen co seu entorno e cos animais. A través destas fotografías, as protagonistas expoñen o seu traballo nun sector estratéxico para a economía, ao tempo que trasladan a súa queixa pola falta de apoio institucional e os obstáculos administrativos que afrontan no seu día a día.

























