Taller de acuarela e Baño de Bosque
14 de abril - 17:00

A UNED de Lugo organiza o día 14 de abril ás 17:00h a actividade “Taller de acuarela na natureza e Baño de bosque”, unha proposta que combina creatividade, natureza e benestar.
O punto de encontro será o Centro de Interpretación Terras do Miño no Paseo do Río Rato de Lugo.
Esta iniciativa desenvólvese con motivo do Día Mundial da Arte, poñendo en valor a importancia da expresión artística como ferramenta para o benestar persoal e a conexión coa contorna.
Proponse unha actividade experiencial que combina un taller de acuarela na natureza, dirixido por Oniel Rodríguez López, cun baño de bosque guiado por Mercedes Rois.
A iniciativa integra arte, ciencia, atención plena e conexión coa contorna, ofrecendo unha experiencia educativa, creativa e de benestar.
A proposta parte da idea de que a natureza é unha aula viva, capaz de potenciar a creatividade, a concentración, a saúde mental e a conciencia ambiental a través da vivencia directa. Deste xeito, poñeranse en valor as artesanías e coñecementos tradicionais, fomentando o uso de materiais locais e reivindicando a sustentabilidade, tal e como reflicte o ODS 12 «Produción e consumo responsable».
Ao longo da sesión, as persoas participantes poderán explorar técnicas básicas de acuarela inspirándose no contorno natural, ao tempo que desenvolven unha conexión máis profunda coa paisaxe mediante exercicios de atención plena. As persoas profesionais especializadas introducirán tanto os fundamentos da pintura con acuarela como as dinámicas propias do baño de bosque.
Para máis información e inscricións, as persoas interesadas poden consultar a seguinte ligazón: https://extension.uned.es/ actividad/idactividad/51483
























