Faladoiro ‘Utopías realizables para o rural galego. O Viso e o CDR Ancares’

Os ‘Encontros de Lúa Chea’, un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e incluído dentro da programación dO Outono Cultural, ofrece o xoves 1 de outubro, ás 19.00 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, o faladoiro ‘Utopías realizables para o rural galego. O Viso e o CDR Ancares’.
Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio LUGO CULTURAL asinado por Universidade de Santiago de Compostela, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.
Sobre o encontro
O medio rural está sufrindo, en xeral, un proceso de envellecemento da poboación e perda de servizos que é á vez causa e consecuencia de que a xente e os servizos se vaian concentrando nos núcleos urbanos. Para comezar este novo curso, queremos poñer o foco sobre dúas entidades que combaten esta situación con respostas innovadoras e profundamente ligadas ao territorio.
Os centros de desenvolvemento rural (CDR) O Viso (en Lodoselo, Sarreaus) e Ancares (en Cervantes) representan modelos de intervención comunitaria que sitúan as persoas no centro da acción social e do desenvolvemento rural. A través da prestación de servizos de proximidade, do impulso a redes de apoio mutuo e da creación de espazos de encontro e participación, ambas as entidades contribúen a garantir dereitos, a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a fixar poboación no rural. O segredo do seu éxito está en deixar de agardar a chegada dos recursos externos que esporadicamente poida recibir o territorio, e apostar por construír desde abaixo, contando co coñecemento, as capacidades e as necesidades das propias comunidades.
O seu labor abrangue ámbitos tan diversos como a atención a persoas maiores, o acompañamento a colectivos vulnerables, a dinamización sociocultural, a conciliación familiar, a inserción laboral, a dinamización económica ou a promoción da igualdade, sempre desde unha perspectiva integral e comunitaria.
Descubriremos como se crearon, como funcionan, os seus plans de futuro e en que medida estes modelos son extrapolables a outros lugares de Galicia, a través da voz dos seus protagonistas: Lola López Pérez, do CDR Ancares e Antonio Rodríguez Corbal, do CDR O Viso.

