A inscrición pode realizarse do 1 ao 31 de outubro de 2026, cubrindo este formulario. Logo de cubrir o formulario, as persoas participantes deberán enviar un correo-e a cultura.lugo@usc.gal co DNI escaneado e certificado da conta bancaria na que desexen recibir o premio.

Participantes

Poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos que o desexen, sen restrición de nacionalidade ou lugar de residencia.

Requisitos
  • As obras presentadas deberán ser inéditas e orixinais.
  • Poderán ser realizadas de maneira individual ou colectiva. No caso de que a peza audiovisual sexa feita por un grupo, deberase indicar no documento de inscrición unha persoa que o represente ou escoller un nome colectivo que cumpra con esa función.
  • Cada obra deberá comezar coa cortina de inicio  que se facilitara dende a Oficina de Cultura do Campus de Lugo
  • A duración de cada peza audiovisual será dun máximo de 5 minutos, incluíndo a cortina inicial e os créditos.
  • No caso de que a obra conteña linguaxe oral ou escrita, valorarase positivamente a utilización  do galego. Para participar no premio Isidro Novo, a linguaxe que se empregue deberá ser o galego.
  •  As pezas terán que estar subtituladas.
  • A persoa ou colectivo participante deberá acreditar a autoría ou o dereito ao uso dos elementos empregados na súa realización, tanto musicais como gráficos.

O envio da peza de videocreación realizarase do 5 ao 7 de novembro. Poderase enviar unha ligazón a calquera plataforma audiovisual, sempre e cando a peza participante sexa descargable e non estea en aberto, garantindo que no momento da súa proxección sexa inédita. Poderase tamén enviar a peza a través de Wetransfer ao mesmo correo-e: cultura.lugo@usc.gal

Titorías

Coa vontade de proporcionar ferramentas e fomentar o coñecemento, o Certame pon a disposición das persoas participantes a posibilidade de manter unha titoría en liña, entre o 2 e o 8 de outubro ás 20:00h, cunha duración de 60 minutos.

Para poder asistir a esta titoría é preciso enviar un correo-e a cultura.lugo@usc.gal co asunto: Titoría.

Premios*

Establécense tres premios, aos que optarán por igual todas as pezas presentadas ao Certame que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

As obras gañadoras non o poderán ser de máis dun premio con excepción do Premio do Público.

  • Premio á mellor linguaxe visual e mellor comunicación audiovisual Araceli Herrero: 300€ e diploma. Valoraranse especialmente os aspectos referentes á imaxe, dende a iluminación ata a dirección artística, así como a edición e posprodución de cada peza. Será a proposta que abranga unha mellor relación de todos os aspectos comunicativos e expresivos, empregando conscientemente as diferentes ferramentas que as linguaxes creativas permitan.
  • Premio Isidro Novo á mellor linguaxe literaria: 300€ e diploma. Valoraranse especialmente os aspectos literarios da obra, nomeadamente aqueles referentes ao guión e/ou ao emprego da linguaxe escrita ou oral, no que o galego será preferente.
  • Premio do Público: 100€ e diploma. O Premio do Público será outorgado á videocreación que reciba máis votos o día da entrega de premios, para o cal cada unha das persoas do público terá á súa disposición a papeleta de votación, que se entregará antes do acto. Unha vez comezada a proxección das obras non se entregarán máis papeletas de votación. En caso de empate o premio dividirase en partes iguais.

*Os premios en metálico estarán sometidos ás retencións fiscais legalmente establecidas pola normativa de xestión económica da USC.

Entrega de premios

A entrega de premios terá lugar o 20 de novembro na Casa do Saber, ao finalizar a proxección das obras que se presentaron ao VIII Certame de Videocreación.

O xurado encargado de valorar as curtametraxes será nomeado pola organización. A decisión do xurado será inapelable.

Dereitos e usos

As persoas participantes conservan todos os dereitos sobre as súas obras. Porén, ao participar no Certame, concédenlle á organización o dereito a utilizar as súas obras ou anacos destas para fins de difusión e promoción do Certame e das actividades culturais asociadas.

Aceptación das bases

A participación no Certame implica a aceptación total destas bases. Calquera aspecto non previsto nestas será resolto pola organización. Estas bases teñen como obxectivo garantir a transparencia, equidade e calidade do Certame, fomentando a creatividade e a exploración das miradas audiovisuais na nosa contorna.

Coordinado por Carmen Granxeiro. Dentro da programación do Outono Cultural da USC @cultura_usc no Campus de Lugo e ao abeiro do convenio @lugocultural asinado por Universidade de Santiago de Compostela, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.