Cargando Eventos

« Todos los Eventos

Curso para aprender a tomar decisións e avanzar con estratexia

26 de noviembre

A UNED de Lugo organiza o curso «L.I.D.E.R.A.: claridade para decidir, estratexia para avanzar», unha proposta formativa orientada a fortalecer o autocoñecemento, mellorar a toma de decisións e deseñar estratexias para afrontar novos retos persoais e profesionais.

A actividade, que se desenvolverá os días 26 de novembro e 3 de decembro, busca proporcionar ferramentas prácticas para identificar capacidades, motivacións e prioridades, transformar as inquietudes en obxectivos realistas e avanzar con maior confianza en contextos de cambio ou incerteza.

A formación será impartida por Paula Núñez, coach profesional certificada pola Asociación Española de Coaching (ASESCO) e especialista en liderado persoal, desenvolvemento profesional e acompañamento en procesos de cambio e crecemento.

O programa estrutúrase en dúas sesións complementarias. A primeira, prevista para o 26 de novembro baixo o título «Comprender», centrarase na análise da situación persoal, a identificación das propias fortalezas e a definición do rumbo que se desexa seguir. A segunda, o 3 de decembro, titulada «Construír e actuar», abordará a planificación estratéxica, os recursos necesarios para avanzar e a concreción de compromisos e accións de mellora.

Cun enfoque eminentemente práctico, as persoas participantes elaborarán un plan persoal de acción que lles permitirá trasladar a reflexión a decisións concretas, establecer prioridades e definir os seguintes pasos no seu desenvolvemento persoal e profesional.

O curso está dirixido tanto a persoas que atravesan procesos de transición como a aquelas que, estando satisfeitas coa súa situación actual, desexan prepararse conscientemente para unha nova etapa.

A actividade poderá seguirse presencialmente na UNED de Lugo ou en liña, tanto en directo como en diferido. Conta cunha duración total de 10 horas, incluído o traballo autónomo, e ten recoñecidos 0,5 créditos ECTS, actualmente en trámite.

Esta iniciativa intégrase no ciclo formativo «Saúde e Coidados» da UNED de Lugo, baixo a dirección de Raquel Iglesias Rodríguez, coordinadora de Extensión Universitaria do centro, e conta coa colaboración da Deputación e do Concello de Lugo.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da plataforma de Extensión Universitaria da UNED.

Máis información e matrícula: https://extension.uned.es/actividad/idactividad/55731

Detalles

  • Fecha: 26 de noviembre
  • Categoría de Evento:

Recinto