Novo encontro das Sementinhas en Barbaín para fomentar a crianza en galego de 0 a 2 anos

A escola Semente organiza o sábado 28 de novembro, a partir das 11 :30, no local de Barbaín, un novo encontro de Sementinhas, un espazo de convivencia en galego para familias con bebés de 0 a 2 anos.
Terá como tema, nesta ocasión, “Encher, baleirar e voltar a encher”, e ofrecerá diferentes propostas lúdicas para as crianzas asistentes. Trátase dun evento gratuíto e aberto a todas as persoas interesadas, que deben inscribirse a través do correo electrónico lugo@semente.gal.
As Sementinhas son uns encontros organizados con periodicidade mensual, que teñen como obxectivo promover o contacto entre familias que desexan educar en galego os seus fillos e fillas. Ao mesmo tempo, serven para crear unha rede de confianza en que as persoas asistentes poden compartir as súas experiencias nun espazo que se ten consolidado como referente na cidade de Lugo no relativo á educación en galego.
Localizada na antiga escola unitaria da aldea de Barbaín, na parroquia de Santa María de Bóveda, a Semente de Lugo celebra este ano o seu décimo aniversario, xa que abriu as súas portas en setembro de 2016.
O seu modelo pedagóxico está baseado na educación en igualdade, no contacto coa natureza e na revitalización da lingua e da cultura galegas. Dado o uso decrecente do galego na infancia, os encontros das Sementinhas téñense constituído como unha das actividades máis destacadas deste proxecto educativo desde os seus inicios, pola importancia de transmitir o idioma desde os primeiros meses de vida.