Cargando Eventos

« Todos los Eventos

A UNED de Lugo pon o foco na saúde física e emocional das persoas coidadoras

1 de diciembre

O curso «Quen coida de quen coida? A importancia do autocoidado» celebrarase do 1 ao 4 de decembro e ofrecerá ferramentas para previr a sobrecarga física e emocional das persoas que atenden a familiares en situación de dependencia.

Coidar dunha persoa dependente implica unha importante dedicación e un esforzo físico e emocional que, en moitas ocasións, acaba pasando factura á propia persoa coidadora. Co obxectivo de visibilizar esta realidade e proporcionar ferramentas para afrontala, a UNED de Lugo organiza o curso «Quen coida de quen coida? A importancia do autocoidado», que se desenvolverá do 1 ao 4 de decembro.

Boa parte da atención ás persoas dependentes prodúcese no ámbito familiar, onde as responsabilidades do coidado poden transformar as rutinas, as relacións sociais e familiares, a situación laboral e mesmo a economía de quen as asume. A falta de recursos e redes de apoio pode agravar unha situación que, mantida no tempo, pode derivar en problemas de saúde física e psicolóxica.

A actividade será impartida por M. Carmen Rivas Fernández, experta en Transformación Social e Atención Sociosanitaria, e abordará o perfil das persoas coidadoras, as diferentes etapas do coidado, a planificación das responsabilidades e as consecuencias que esta tarefa pode ter sobre a saúde e a calidade de vida.

O programa prestará especial atención á prevención e detección da síndrome da persoa coidadora, á xestión das emocións, á importancia de pedir axuda, ao establecemento de límites e ao desenvolvemento de habilidades de comunicación asertiva.

A iniciativa busca reivindicar o benestar das persoas coidadoras como un elemento fundamental da atención á dependencia, incidindo na necesidade de recoñecer as súas propias necesidades e evitar que o coidado implique renunciar á súa saúde e calidade de vida.

Matrícula aberta

O curso, aberto ao conxunto da sociedade, consta de 20 horas lectivas e está recoñecido con 1 crédito ECTS. As sesións desenvolveranse de 9.00 a 14.00 horas e poderán seguirse en modalidade en liña, tanto en directo como en diferido, sen necesidade de desprazarse ao centro.

O prezo da matrícula ordinaria é de 40 euros, con tarifas reducidas para diferentes colectivos.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da plataforma de Extensión Universitaria da UNED:

https://extension.uned.es/actividad/idactividad/55999

Detalles

  • Fecha: 1 de diciembre
  • Categoría de Evento:

Recinto