
Inauguración da exposición «Lé papeó»
Sábado 20 de decembro ás 19:00 horas – Solaina Galería, Lugo
O vindeiro sábado 20 de Decembro ás 19h a Galería Solaina acolle a exposición Lé
papeó, unha mostra do artista lucense Fran Manso que nace coa intención de mirarnos
con humor a través da comida, convertendo os alimentos nun pequeno espello no que
recoñecer as nosas propias rarezas humanas.
Na mostra, os alimentos adquiren xestos e actitudes humanas que permiten xogar co que somos, esaxeralo lixeiramente e observalo desde un ángulo máis amable.
A exposición combina cor, expresividade e unha boa dose de absurdo para lembrar que
o humor tamén é unha ferramenta esencial da arte, capaz de ofrecer outras maneiras de
mirar aquilo que adoita tomarse con excesiva seriedade.
Humanizar o comestible transforma o cotián nun imaxinario propio, no que cada peza funciona como unha microhistoria: ás veces absurda, ás veces inquietante, incluso algo sórdida, pero sempre próxima.
O humor actúa aquí como motor principal: un humor directo e visual que non pretende
dar leccións, senón invitar a entrar sen medo no territorio da arte. Serve tanto como fin —
provocar o sorriso— como como medio para falar do humano sen solemnidades.
O título Lé papeó continúa este xogo conceptual. “Papeo”, unha palabra claramente
terrenal, pasa polo filtro francés e regresa cun acento agudo e pretensións culinarias: un
disfraz chic para unha palabra de andar pola casa. Esta mestura entre aparencia e
absurdo resume con precisión o ton da exposición.
A mostra reúne imáns de neveira, stencils, pegatinas, esculturas e pinturas, realizados
con cores chamativas e alegres que funcionan case como reclamo publicitario. A
diversidade de formatos e tipoloxías fai un guiño á variedade do propio consumo,
configurando un pequeno supermercado de criaturas alimentarias.
Moitas das obras preséntanse en serie, como os produtos dun supermercado, facendo as pezas máis accesibles e achegando a arte ao público cunha naturalidade directa e cotiá. Outras, como os imáns, levan esta idea un paso máis alá, trasladando a obra artística ao ámbito doméstico.
Lé papeó quere ser unha exposición accesible, próxima e sen pretensións: unha
invitación a mirar con gusto, a sorrir e, se se quere, a levar un anaco a casa para alegrar
unha neveira ou unha parede. Porque ás veces o arte tamén se digire mellor con humor e
bo apetito visual.
Fran Manso (Lugo, 1989) comezou a debuxar antes mesmo de aprender a escribir.
A súa formación artística iniciouse moi cedo no Círculo das Artes de Lugo da man de Blas
Lourés, continuando posteriormente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e na
École Supérieure d’Angers.
Paralelamente, formouse como conservador-restaurador de bens culturais, traballando de preto con obras antigas e cos seus procesos materiais.
O seu traballo combina este sólido bagaxe técnico cunha práctica ligada ao cotián. Aínda
que emprega materiais contemporáneos como taboleiros laminados ou pintura acrílica,
incorpora frecuentemente referencias a procedementos clásicos, mantendo unha
atención case artesanal ao detalle.
A súa obra é esencialmente figurativa e céntrase na representación de seres vivos, personaxes, animais e criaturas híbridas, destacando pola expresividade, o xesto e a dimensión narrativa, mesmo cando estes aparecen filtrados polo humor ou o absurdo.
Participou en diversas exposicións colectivas en institucións como o Museo Manuel
Torres de Marín, Antichambre —Hôtel Huger (Francia) ou o Pazo da Cultura de
Pontevedra.
Entre as súas exposicións individuais destacan La Perita(2010), Casa da Cultura de Sada (2011) e Combustión Espontánea Art Gallery en Madrid (2014).
Na súa obra máis recente, investiga o humor como ferramenta visual e a posibilidade de achegar a arte ao ámbito doméstico sen perder rigor, intereses que conflúen plenamente na exposición Lé, papeó.