Conferencia “Soñar, investigar, descubrir: o camiño das nenas na ciencia”

Conferencia “Soñar, investigar, descubrir: o camiño das nenas na ciencia”
A UNED de Lugo celebra o 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia con dúas actividades abertas a toda a cidadanía, destinadas a visibilizar o talento feminino nos ámbitos STEM e a fomentar vocacións científicas entre a mocidade da provincia.
A primeira actividade, unha mesa redonda titulada “Conéctate á ciencia”, terá lugar ás 12:00 horas no Salón de Actos José Luis Prieto Arroyo da UNED de Lugo. Será de acceso libre e gratuíto. + Información
Pola tarde, ás 18:00 horas, celebrarase a conferencia online “Soñar, investigar, descubrir: o camiño das nenas na ciencia”, impartida por Lara Neira González.
Lara Neira González é doutora en Intelixencia Artificial pola Universidade de Edimburgo, licenciada en Matemáticas pola USC e cofundadora e CEO da premiada startup NIGAL Nova Industria Galega, con sede en Ribadeo.
NIGAL
NIGAL foi recoñecida nos premios UU Startup Community no ámbito da sustentabilidade e recentemente seleccionada entre as quince empresas gañadoras a nivel estatal do programa de aceleración AgroBank, grazas á súa plataforma Libatio, que emprega a intelixencia artificial para monitorizar a maduración do viño. Desde Galicia, a empresa traballa en proxectos de IA e dixitalización orientados a mellorar o contorno produtivo, facendo que as organizacións sexan máis rendibles e sostibles.
Ambas actividades enmárcanse no ciclo ODS en Acción 2025-2026, aliñado prioritariamente co ODS 5 Igualdade de Xénero e co ODS 9 Industria, Innovación e Infraestrutura, e contan coa colaboración do Concello e da Deputación de Lugo.
A programación deste ano orientouse de maneira especial cara á tecnoloxía, a informática, as matemáticas e a física, ámbitos nos que a presenza de mulleres continúa a ser minoritaria e que a UNED de Lugo quere impulsar de forma decidida. O avance imparable da intelixencia artificial, da enxeñaría de datos e das novas profesións dixitais esixe promover vocacións femininas nestes campos estratéxicos e de alta demanda laboral.
Desde a UNED de Lugo convídase a toda a cidadanía a participar nestas iniciativas gratuítas, que reafirman o compromiso do centro coa igualdade, a educación científica e o impulso do talento feminino.
























