Proxección de documentais sobre a recuperación de dous entroidos tradicionais

Proxección de documentais sobre a recuperación de dous entroidos tradicionais
Este xoves 12 a partir das 19h. no centro social autoxestionado A Hedreira haberá dobre proxección sobre a recuperación de dous entroidos tradicionais: ‘Os merdeiros. A recuperaçom’ (2013) en Vigo e ‘O Moredo. A resistencia do Entroido Ribeirao’ no Moredo (Chantada).
‘Os merdeiros. A recuperaçom’ (2013) – 28 min
O merdeiro é unha personaxe tradicional de Vigo que xorde da histórica rivalidade entre mariñeiros e campesiños. Extinguida nos anos 20 do século XX por causa de ordenanzas municipais, hoxe volve ser unha figura fundamental do entroido vigués. No documental, as protagonistas da súa recente recuperación explican como foi este proceso e como se adaptou aos tempos actuais.
‘O Moredo. A resistencia do Entroido Ribeirao’ (2016) – 29 min
O Entroido Ribeirao é unha celebración moi antiga da Ribeira Sacra en Chantada que resistiu no Moredo a ditadura franquista e o despoboamento das aldeas. No documental falan veciños e veciñas que mantiveron o Entroido nos tempos en que estivo prohibido, a pesar da represión política e relixiosa, do reto do relevo xeneracional e da minusvaloracion da ruralidade e os seus costumes e festividades.

























