Aberta a inscrición en cursos de teatro e danza na USC Lugo.
Dende este martes 12, xa é posible solicitar praza en boa parte das actividades programadas a excepción daquelas que requiren probas de acceso.
A oferta formativa en materia de teatro e danza inicia un novo curso na USC cun amplo abano de actividades. Así, dende este martes 12 xa é posible matricularse nos Cursos de Teatro do Campus de Lugo.
Teatro
O Campus de Lugo acollerá aulas abertas de teatro o mércores 20, ás 19.00 horas, e o luns 25, ás 20.30 horas, na Facultade de Veterinaria.
“Presentarase o programa a desenvolver durante este curso académico e o alumnado poderá preguntar e resolver calquera dúbida que teña ao respecto do traballo a realizar: probas de acceso, matrículas, ou contidos, entre outros”, apuntan dende a Área de Cultura da USC.
Esta actividade enmárcase dentro das xornadas de inicio de curso #BenVidaUSC!
Danza
Cursos de pandeireta, de danza creativa, danza contemporánea, danza tradicional galega, e ioga danza son as actividades ofertadas no Campus de Lugo cuxo prazo de inscrición bota a andar este martes 12.
Ademais, na páxina web tamén poden consultarse os requirimentos para acceder á Compañía de danza da USC-Lugo, ao programa de asesoramento e apoio á formación de compañías independentes de danza ‘Crea o teu grupo de danza, usa o teu espazo!’ ou á Compañía de danza ‘Sen vergoña’ da USC-Lugo.