A XX Mostra de Teatro Clásico de Lugo que promove a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo, contará con 10 representacións durante todo o mes de marzo. Cinco das obras son de compañías galegas e ata outras cinco pezas pezas que se representaran nesta mostra veñen abaladas por éxito de crítica e público.
O PROGRAMA é o seguinte:
Venres, 6 de marzo – 20:30 horas – Auditorio Municipal Gustavo Freire
«As Bruxas de Macbeth», de Antonio Álamo, interpretada por Atalaya Teatro – Centro Internacional de Investigación Teatral TNT, gañadores do Premio Nacional de Teatro 2008.
Tres bruxas rexorden da tumba para levar a cabo, unha vez máis, a representación da obra Macbeth ante o público. Unha delas négase a continuar co guión establecido e invocar antes de tempo á deusa Hécate quen indica que deben entrar no corazón do respectable. É aquí cando deciden presentarse ao público cos nomes que Shakespeare nunca lles deu e demostrar que nunca puideron desenvolver o seu propio guión vital pola terrible caza de bruxas acaecida desde a Idade Media ao século XVII.
Un espectáculo que divirte e belisca por igual. A representación durará 60 minutos e contará coa dirección de Ricardo Iniesta. Estará interpretada por Marga Reyes, Carmen Gallardo, Aurora Rosales e Luís Navarro.
Martes, 10 de marzo – 20:30 horas – O Vello Cárcere – GRATUÍTO ATA COMPLETAR CABIDA
«Complexo de Edipo», dirixida, escrita e interpretada por Quico Cadaval.
O “Edipo” é tan propio xa de Cadaval que chega a presentalo dicindo que o “público europeo coñece mellor a versión do ribeirán que a orixinal do inmortal Sófocles”.
A taberneira do porto galego como figura central que Quico Cadaval ten tan próxima na biografía convértese en protagonista dun dos monólogos máis celebrados do relato oral galego. Un dos máis recoñecidos nomes do teatro galego enche el só o escenario cunha historia na que a psicanálise mestúrase coa gastronomía ou a épica ata construír un entramado que fai del un extraordinario relato.
O actor narrará un relato mítico dun home que mata o seu pai, déitase coa súa nai e chama fillos aos seus irmáns agora comentado por unha taberneira dun porto galego que ademais é a nai de Cadaval. A cociñeira despreza o mito clásico ao mesmo tempo que lle dá a receita da carne asada. Gastronomía, épica, alta cultura, dixomedíxomes, psicanálise, noticias sorprendentes sobre a monarquía española. Todo iso dá como resultado un monólogo traxiridículo.
Ten unha duración de 85 minutos.
Xoves 12 de marzo – 20:30 horas – Auditorio Municipal Gustavo Freire
«Medida por Medida», de William Shakespeare, interpretada por Producións Teatrais Excéntricas. Conta coa dirección de Quico Cadaval e a interpretación de Evaristo Calvo, María Costas, Melania Cruz, Victor Mosqueira, Josito Porto, Santi Romay e Patricia Vázquez.
Acontece nunha Viena surrealista inventada por Shakespeare. O mandatario Duque Vincenzo pasa á clandestinidade e manda aplicar con todo rigor a lei contra os comportamentos inmorais. Cae a lei por igual sobre o negocio do sexo e sobre a xuventude hedonista. Un rapaz de boa familia é condenado a morte. Isto obriga a Isabella, a súa irmá monxa, a abandonar o convento por tres días coa tentativa de salvar a vida do seu pecadento irmán. Un mundo de vicio, perversidade e corrupción tentarán lixar a súa brancura virxinal. Palacios, cadeas e arrabaldos serán o labirinto que percorre Isabella na súa carreira contra a morte. Todo observado dende as sombras por un Duque Vincenzo irrecoñecible baixo o hábito de frade mendicante.
Ten unha duración de 110 minutos e está recomendada para maiores de 13 anos.
Venres 13 de marzo – 20:30 horas – Auditorio Municipal Gustavo Freire
«Todas Hieren y Una Mata» de Ay Teatro, baixo a dirección de Yago Cáceres e coa interpretación de Alba Banegas, Antonio Hernández, Son López, Carlos Lorenzo e Diego Morales.
O galán don Daniel e o seu criado Pico, perseguidos polo correxedor tras fuxir da casa da rapaza Aurora, atopan no bosque a unha bruxa que os salva cos seus feitizos para viaxar polo tempo. Ao longo das súas viaxes temporais intentarán namorar a Aurora, que garda un secreto: é unha dama lectora cunha biblioteca enterrada no seu xardín. E trabucando o seu camiño máxico, criado e cabaleiro chegarán ao século XXI, onde unha misteriosa profesora lles axudará na súa aventura amorosa.
Esta representación ten unha duración de 90 minutos, sen descansos.
Sábado 14 de marzo – 18:30 horas – Auditorio Municipal Gustavo Freire
«Lázaro de Tormes» de Pedras de cartón, baixo a dirección de Pablo Sánchez e Laura Sarasola, e coa interpretación de Xosé Manuel Esperante, Xosé Vilarelle e Juan Rodríguez mostrarán un espectáculo baseado no coñecido clásico da literatura, por primeira vez contado case sen palabras.
Un espectáculo para toda a familia narrado en clave de comedia a través dun coidado traballo de máscaras. No espectáculo dáse forma a cada unha das pasaxes máis coñecidas desta universal historia da picaresca española.
Unha maneira de introducir o amor polo teatro clásico ás máis novas e aos máis novos da casa. Unha boa parte da crítica ve o Lazarillo de Tormes como unha das primeiras novelas modernas da literatura española. A súa modernidade reflíctese na evolución das personaxes ao longo do texto e no emprego de escenarios coñecidos polas lectoras e lectores, situados nos arredores de Toledo e Salamanca. O Lazarillo de Tormes amosa tamén unha realidade lonxana da sociedade ideal que nos descubrían os libros de cabalerías, tan de moda a mediados do século XVI.
Ten unha duración de 50 minutos.
Domingo 15 de marzo – 20:30 horas – Auditorio Municipal Gustavo Freire.
Macbeth. O Ruído e a Furia, de William Shakespeare, por Estudo Momento coa adaptación en verso de Manuel Lourenzo. Baixo a dirección de Xoán Carlos Mejuto e Iria Ares e coa interpretación de Xoán Carlos Mejuto, Luís Iglesia, Iria Ares, Carlos Sante e David Perdomo.
Unha viaxe á chaira escocesa, neboenta e insegura. Tambores de guerra. Berros de barro. Versos de sangue, traizón e morte. Feiticeiras, retranqueiras e ministras do fado, manipuladoras dos máis bravos guerreiros. Un tempo eterno e circular do que ninguén volve xamais.
Conta cunha duración de 100 minutos.
Xoves 19 de marzo, 20:30 horas – Auditorio Municipal Gustavo Freire
Casa O´Rei, de Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro)
Intérpretes: Miguel Borines, Victoria Teijeiro, Marián Bañobre, Raquel Espada, Víctor Mosqueira, Santiago Cortegoso e Xosé M. Esperante,
Manolo Rei, vello e enfermo, prepara un cocido e reúne a familia. A comida sempre é unha escusa. Desta vez para repartir a Casa entre as súas tres fillas. Pero o cocido sáelle cargado de traizón e desprezo, intragable polo amargor dun mundo novo, acedo e descoñecido, que trae do estranxeiro unha morte preconxelada e adobiada con fel. Unha vez que se ausenta o único nexo que mantiña unida a familia, todo se esfarela. Os principios morais volatilízanse. Non se respectan os pratos tradicionais, pero tampouco se respectan as relacións matrimoniais, nin se conteñen os desexos sexuais. Todos os impulsos que estaban latentes desátanse ante a ausencia da autoridade que os contiña. Esta decadencia impregna as personaxes. Todas e todos están frustrados. Todas e todos quererían outra vida.
Dura 95 minutos.
Venres 20 de marzo – 20:30 horas – Auditorio Municipal Gustavo Freire
Entre Bobos Anda el Juego – Noviembre Teatro e a Compañía Nacional de Teatro Clásico – versión de Yolanda Pallín da obra de Rojas Zorrilla con Arturo Querejeta, Isabel Rodes, José Ramón Iglesias, Rafael Ortiz, Manuel Pico, José Vicente Ramos, Elena Rayos, Antonio de Cos e Francisco Rojas, dirixidos por Eduardo Vasco
Don Lucas del Cigarral é un cabaleiro podente, ridículo e desmedido que pretende casar con dona Isabel de Peralta, que así e todo quedou prendada de don Pedro, curmán de don Lucas e tan aposto como pobre. Ambos quedaron prendados nun encontro fortuíto que tiveron antes de coñecerse e reencóntranse porque o propio don Pedro é o encargado de realizar os primeiros contactos coa dama antes da voda e isto dá pé a que os namorados cultiven o seu amor de maneira intensa. Mentres tentan burlar a don Lucas, aparecen dous atrancos imprevistos: outro galán, don Luis, que tamén pretende a Isabel e unha dama, dona Alfonsa, irmá de don Lucas, que anda detrás de don Pedro. O enredo está servido e a cargo de Cabellera, Carranza e Andrea, os criados que engraxarán o mecanismo desta obra, que transcorre practicamente nun camiño, con parada, fonda, nocturnidade e aleivosía; o mellor caldo de cultivo ideal para a comedia de enredo.
Ten unha duración de 85 minutos
Sábado 21 de marzo – 18:30 horas – Auditorio Municipal Gustavo Freire
Y los Sueños, Sueños Son, de Calderón de la Barca por Tropos, Teatro de Títeres, coa dirección de Guillermo Gil Villanueva e a interpretación de Paco Úbeda e Guillermo Gil Villanueva.
Clotaldo e Clarín vense sorprendidos polo público mentres botaban unha cabezadiña agardando a hora da función. Rapidamente dispostos e armados dos seus monicreques, estes cómicos e anciáns narradores, irannos contado a historia de Sexismundo, pechado nunha torre porque as estrelas predixeron que sería un rei malvado e cruel. Pero seica é xusto pechar a un home polo que ditan as estrelas? Pola súa lingua, a súa cor, pola súa raza, polo que pode chegar a facer sen ter feito nada? Por iso, o seu pai, o rei Basilio, decide sacalo da torre e poñelo a proba. Poñerao no trono e se é capaz de vencer o seu destino, será rei. Se non é capaz… volverao pechar. Pero… pódese agardar dun home que sexa xusto se nunca ninguén lle ensinou o que era a piedade e o amor? Cumprirase acaso o vaticinio das estrelas?
Dura 50 minutos.
Domingo 22 de marzo – 20:30 horas – Auditorio Municipal Gustavo Freire
«Ricardo III» de William Shakespeare, versión libre de Miguel del Arco e Antonio Riojano interpretada por El Pavón Teatro Kamikaze, Premio Nacional de Teatro 2017, coa dirección de Miguel del Arco e Álvaro Báguena, Chema del Barco, Israel Elejalde, Alejandro Jato, Verónica Ronda, Cristóbal Suárez e Manuela Velasco no escenario.
Que terán as malas e os malos que nos gusta miralos? Que morbo se desata en nós como espectadoras e espectadores do mal? Que é o que fai que xeración tras xeración Ricardo III sexa unha presencia permanente sobre os nosos escenarios? Ricardo III é unha función pragada de envexas, corrupción dunha e outra cor, loitas de poder, cobiza, injustiza, fake news, enganos políticos, intereses partidistas… Ben, o que vén sendo un día normal na vida pública española do século XXI. Miguel del Arco e Antonio Rojano adaptan libremente ao noso tempo este clásico de Shakespeare
120 minutos de duración.
Entradas e bonos
Dende a área de Cultura poñeranse á venda bonos para 7 representacións por 35€ na zona A e 26,25€ na zona B do auditorio. As entradas para as representacións individuais custarán 8 e 6 euros en cada zona. As persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG poderán adquirilas por 5 e 3,75€ segundo a zona.
As obras para público familiar non están incluídas nos bonos, e teñen un prezo único de 5€ por entrada.
Complexo de Edipo, de Quico Cadaval, que se representará no Vello Cárcere, terá entrada gratuíta até completar a cabida.
Os bonos e as entradas poderán mercarse na Oficina Municipal de Turismo ou no portal web entradaslugo.es. O último día para mercar bonos será o 5 de marzo.
As entradas poderán mercarse na web e na Oficina Municipal de Turismo ata 3 horas antes do comezo de cada función, e na entrada do auditorio dende hora e media antes.