Tarde e Tardiña comeza este mércores 24 de xuño co espectáculo musical Soñando Inventei de María Faltri e Jorge Juncal para público infantil a partir de 3 anos con dous pases ás 17 e ás 18:30 horas, e o espectáculo de narración horal Contaba Morrer, de Lois Pérez para público adulto.
✅ 17:00 e 18:30 horas: SOÑANDO INVENTEI. De María Faltri e Jorge Juncal
Espectáculo musical | público infantil (+3) | 45 min
SINOPSE
Soñando inventei é un espectáculo musical no que a través da escolla de cancións se traballa o tema da diversidade e a igualdade de xénero. As cancións que se interpretan forman parte do libro disco “Fantasía coas palabras” publicado pola editorial Galaxia. Con esta aventura emprenderemos unha viaxe emocional ao centro dos soños, unha proposta onírica e valente que mestura música e poesía para nos falar de personaxes femininas que soñan con sentirse en paz e liberar os seus
segredos, personaxes que non queren ser xulgadas polo seu aspecto ou identidade, libres para ser elas mesmas e chegar a tocar a lúa.
✅ 21:00 horas “Contaba morrer” por Lois Pérez
Narración oral, humor máis un chisco de poesía e música nos postres e o que lle cadre conforman o menú de quen Contaba Morrer, que non é outro que o narrador oral e antipoeta Lois Pérez; unha vez asumida esta verdade universal, o xuntador de palabras da Piringalla tentará acadar a inmortalidade literaria ou alomenos conservar os dentes riba do palco.
Para o 1 de xullo, a tarde estará ocupada polo Rock&Roll da Gramola Gominola, mentres que o público adulto poderá desfrutar á tardiña de Normalidade Vintage, de Esther F. Carrodeguas e Juanma Lodo.
O 8 de xullo contacánticos traerá pola tarde o seu espectáculo Trotasongs, mentres que á tardiña, Tamara de Andrés, Carlos da Aira e Daniel Irimia traerán o seu espectáculo de poesía Pozomouro. O bosque. Unha guerra.
Na tarde do 15 de xullo, Uxía Lambona e a Banda Molona recollerá os clásicos populares galegos dándolles o seu toque particular, mentres que á tardiña, O’Leo de Matamá traerá Sé [mente de vencer].
De cara ao 22 de xullo, á tarde contarase coa narración oral e música Ovella Engracia, e á tardiña Yolanda Castaño e Isaac Garabatos traerán o seu espectáculo de música e poesía en directo Idioma da Tinta.
Tarde e Tardiña rematará o 29 de xullo con Crunch, da compañía Muu para público familiar e II Centenario Ronseltz, do Colectivo Ronseltz para público adulto.
Maite Ferreiro animou á veciñanza a “acudir a esta serie de espectáculos cos que reactivamos a programación cultural habitual do concello”.