Mar Caldas

O 15 de outubro non é só unha data simbólica; é unha xornada de loita, visibilización e, sobre todo, de agradecemento. Por iso, no Día Internacional das Mulleres Rurais, a Área de Cultura da Deputación de Lugo e a Rede Museística Provincial (RMPL) queren comezar reivindicando e recoñecendo profundamente a todas as mulleres que habitan, coidan e constrúen o noso territorio. 

En Lugo, o rural é parte esencial da nosa identidade, e as mulleres son o motor que mantén vivas as nosas aldeas e a economía local. Cando unha muller decide marchar, a aldea perde non só unha habitante, senón tamén talento, futuro e arraigamento.

Máis alá do estereotipo: a pluralidade como bandeira

Fronte á imaxe homoxénea da muller coa pañoleta e o mantelo, a RMPL pon o foco na diversidade. Dende a institución recalcan que non se trata do Día da Muller Rural, senón das mulleres rurais: gandeiras, agricultoras, coidadoras dos nosos maiores e novas veciñas chegadas doutros países que hoxe interveñen activamente na sociedade, sendo as actuais facedoras de Lugo.

Para a Rede, o territorio dita as necesidades, e iso esixe unha mirada dende a interseccionalidade das desigualdades, coma se dunha matrioska se tratase. Hai que abordar a precaridade e a falta de servizos, pero tamén realidades diverxentes: dende a situación de ser unha muller lesbiana nunha pequena aldea, ata a valentía cotiá de quen no seu día rachou moldes sociais ao entrar por primeira vez nunha cantina.

Unha cartografía vital trazada dende a memoria

Para honrar e poñer en valor esta diversidade no seu día grande, a RMPL sérvese da arte e da investigación como fío condutor, tecendo unha cartografía viva da muller rural. Este mapa emocional debúxase a través de múltiples proxectos que dialogan entre si para conformar as coordenadas do que fomos, somos e seremos, abordando a realidade dende diferentes perspectivas:

  • Identidade, arraigo e presente: O traballo da Rede devolve o protagonismo a quen sustentaba a vida en silencio. Faino a través de proxectos como Soterradas: vidas e historias. As mulleres: Walter Ebeling, que reconstrúe a nosa identidade mediante a indumentaria tradicional da Galicia de 1928; xunto con Mulleres nas/das aldeas (Carmen Porteiro), que lembra a aldea como o espazo de resistencia natural; e Facedoras de Lugo (Mar Caldas), poñéndolle rostro ás mulleres fortes que hoxe lideran a economía local.
  • Voz, inclusión e territorio: A memoria debe saír á rúa. Así o demostra Arquitectura da memoria. Friol lembra, que transformou a vila nun museo sonoro xeolocalizando audios de mulleres maiores para que a mocidade escoite os seus saberes. Unha esixencia de xustiza que vertebra tamén Coñecelas e recoñecelas, onde a xeolocalización desenterrou as historias, maioritariamente silenciadas, das mulleres rurais con discapacidade, dándolles o lugar visible que merecen.
  • A arte como sanación: Toda cartografía ten as súas feridas. En Recolectoras: memoria e terra, artistas e mulleres do rural crearon xuntas obras íntimas (dende composicións fotográficas cos seus obxectos ata serigrafías nas que cortaban a dor cun cúter). Unha dor moitas veces ligada ao éxodo, documentado en Proximidade Llunyana, mostra que reconstrúe o baleiro daquelas nenas da montaña que nos anos cincuenta subiron ao tren Shanghái para traballar de criadas en Cataluña.
Lugo, un rural coas mulleres como piares de vida

Nunha sociedade que adoita priorizar a acumulación material, a RMPL defende que a arte e os museos só teñen sentido cando custodian a memoria humana. Baixo a premisa de que «ninguén morre mentres alguén o lembre», a Rede Museística Provincial de Lugo reitera hoxe o seu compromiso de seguir traballando cóbado con cóbado cos 67 concellos da provincia. Porque a mensaxe neste 15 de outubro é clara: sen mulleres que o sosteñan como piares, non hai mundo rural, e sen mundo rural, non hai futuro. O noso maior recoñecemento e a nosa máis firme reivindicación para todas as mulleres rurais.

Para afondar nos proxectos que conforman esta cartografía vital e artística, a RMPL pon a disposición da cidadanía a seguinte documentación:

• Soterradas: vidas e historias. As mulleres: Walter Ebeling:
comunidadermpl.gal/soterradas-vidas-e-historias-as-mulleres-walter-ebeling

• Carmen Porteiro – “Mulleres nas/das aldeas” (Cervantes):
comunidadermpl.gal/mulleres-nas-das-aldeas-en-cervantes

• Arquitectura da memoria. Friol lembra:
comunidadermpl.gal/friol-lembra

• Coñecelas e recoñecelas: Proxecto de inclusión e mapeo da memoria da discapacidade no rural.
https://comunidadermpl.gal/conecelas-e-reconecelas-2/

• “Recolectoras” Memoria e terra:
comunidadermpl.gal/recolectoras-memoria-e-terra

“Proximidade Llunyana”. Ninguén morre mentras alguén o lembra:
comunidadermpl.gal/proximidade-llunyana-2

• Mar Caldas – “Facedoras de Lugo, 2025-2026”:
comunidadermpl.gal/facedoras-de-lugo-2025-2026-de-mar-caldas