A inscrición pode realizarse do 1 ao 30 de outubro de 2026, cubrindo este formulario. Logo de cubrir o formulario, as persoas participantes deben enviar un correo-e a cultura.lugo@usc.gal co DNI escaneado e certificado de conta bancaria na que desexen recibir o premio.

O certame ten como finalidade alentar e estimular a disciplina da creación de paisaxes sonoras, así como fomentar a educación da escoita e a sensibilización do oído na nosa contorna. Pretendemos destacar a importancia dos sons no noso día a día e a súa capacidade para evocar emocións, contidos culturais e históricos, e a conexión co noso medio ambiente.

Participantes

Poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos que o desexen, sen restrición de nacionalidade ou lugar de residencia.

Requisitos
  • Sonoridade

Unha paisaxe sonora está composta en gran parte por sons de gravacións acústicas da contorna, non se descarta incluír nunha baixa porcentaxe fontes sonoras de instrumentos electrónicos ou reais pero claramente ten que predominar o concepto básico de paisaxe sonora. As obras que sexan maioritariamente feitas con fontes de son electrónicas ou acústicas e na súa medida non representen o que é unha paisaxe sonora, serán excluídas do certame.

  • Duración

A paisaxe sonora non deberá ter unha duración superior a 10 minutos nin inferior a 1 minuto. Se supera os 5 minutos deberase achegar, ademais da orixinal, unha versión reducida de 3,5 minutos como máximo, para a escoita do público no certame. De non achegala, so se mostrarán os primeiros 3 minutos e medio da obra.

Orixinalidade e exclusividade

As obras presentadas deberán ser orixinais e inéditas. Non se aceptarán obras que xa se publicasen, difundisen ou premiasen noutros certames ou plataformas.

Documentación adicional

Xunto coa paisaxe sonora, cada participante deberá incluír un arquivo de texto cunha breve explicación do proceso creativo, o material utilizado e unha explicación conceptual da obra. Este documento deberá proporcionar contexto sobre a elección dos sons e a súa relevancia.

Valoración

O xurado estará composto por profesionais recoñecidos no ámbito da música, a arte sonora e a ecoloxía acústica. Valorará tanto o resultado final como o proceso creativo, as ferramentas empregadas e a explicación conceptual da obra. Os criterios específicos serán:

  • Calidade técnica

Avaliarase a calidade da gravación, a mestura dos sons, a manipulación e o balance entre o material utilizado e o resultado final.

  • Orixinalidade

Valorarase a creatividade na concepción global da obra, incluíndo a maneira en que se abordan ou reinterpretan os conceptos relacionados coa paisaxe sonora.

  • Interese sonoro e emocional

Avaliarase a capacidade da paisaxe sonora para transmitir e evocar emocións no oínte, creando un interese continuo na escoita.

  • Coherencia entre a idea explicada e o audio

Examinarase a conexión entre a explicación escrita da paisaxe sonora e o contido auditivo, buscando unha coherencia conceptual e estética.

  • Valor cultural

Avaliarase se os sons capturados reflicten a identidade e características únicas do lugar, ou se inclúen elementos culturais ou históricos relevantes da zona.

Premio*
  • Premio á mellor paisaxe sonora: 300 euros e diploma.
  • Premio á mellor paisaxe feita por estudantado da USC: 200 euros e diploma.
  • Premio do público: 100 euros e diploma. O Premio do Público será outorgado á  paisaxe sonora que reciba máis votos o día da entrega de premios. Para isto, cada persoa das que acudan ao acto, terá á súa disposición a papeleta de votación que se entregará antes do acto. Unha vez comezada a  escoita das paisaxes non se entregarán máis papeletas de votación. En caso de empate o premio dividirase en partes iguais.

Ademais, as obras premiadas poderán ser difundidas a través das plataformas do certame e expostas en eventos culturais.

*Os premios en metálico estarán sometidos ás retencións fiscais legalmente establecidas pola normativa de xestión económica da USC.

Entrega do traballo

A entrega do traballo realizarase do 8 ao 10 de novembro de 2026, no correo-e cultura.lugo@usc.gal ou WeTransfer. Cada envío deberá incluír:

  • A paisaxe sonora en formato WAV (mínimo 44.1kHz 16 bit) ou MP3 (mínimo 192 kbps), en mono ou estéreo.

O nome do arquivo deberá seguir o formato: «Título_NomeApelidos».

Entrega de premios e escoita

A entrega de premios realizarase o 20 de novembro na Casa do Saber.

Titorías

Coa vontade de proporcionar ferramentas e fomentar o coñecemento, o Certame pon a disposición das persoas participantes a posibilidade de manter unha titoría en liña,

Para poder asistir a esta titoría é preciso enviar un correo-e a cultura.lugo@usc.gal co asunto: Titoría.

Dereitos e usos

As persoas participantes conservan os dereitos de autoría sobre as súas obras. Non obstante, ao participar no certame, concédenlle á organización o dereito de utilizar as súas obras para fins de difusión e promoción do certame e das actividades culturais asociadas.

Aceptación das bases

A participación no certame implica a aceptación total destas bases. Calquera aspecto non previsto nestas será resolto pola organización.

Estas bases teñen como obxectivo garantir a transparencia, equidade e calidade do certame, fomentando a creatividade e a exploración sonora na nosa contorna.

Coordinado por Arturo Vaquero. Dentro da programación do Outono Cultural da USC @cultura_usc no Campus de Lugo e ao abeiro do convenio @lugocultural asinado por Universidade de Santiago de Compostela, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.