A inscrición pode realizarse do 1 ao 16 de outubro de 2026, ás 13.00 horas, cubrindo este formulario. Logo de cubrir o formulario, as persoas participantes deberán enviar un correo-e a cultura.lugo@usc.gal co DNI escaneado e certificado de conta bancaria.
Participantes
Poderán participar todas aquelas persoas maiores de 16 anos que o desexen, sen restrición de nacionalidade ou lugar de residencia.
Modalidade
- A. Tema libre
- B. Tema proposto pola organización
O 18 de outubro, ás 9:30 horas, na Casa do Saber, comunicaráselles ás persoas inscritas o tema elixido pola organización.
As persoas inscritas que non asistan a esta reunión non poderán participar na modalidade libre. Poderán consultar o tema proposto pola organización na páxina de Instagram de Lugo Cultural o día 18 de outubro a partir das 11:30 horas. O formato para presentar as fotografías será dixital. As fotografías poderán ser en branco e negro ou en cor.
Entrega e selección das fotografías
Entregarase unha fotografía por cada modalidade. Non é obrigatorio presentar as dúas modalidades. As fotografías enviaranse ata o 19 de outubro ás 10.30 horas, por correo-e ou weTransfer a cultura.lugo@usc.gal. As fotos deberán remitirse en formato .jpg, cun máximo de 3.543×2.362 píxeles (equivalente a unha imaxe de 30 x 20 a 300 ppp).
As persoas participantes deberán poñerlle un título a cada fotografía. O nome de ficheiro debera formarse coa modalidade e o título da fotografía, sen espazos nin acentos, e unidos por un guión baixo: MODALIDADE(A/B)_TITULODAFOTOGRAFIA.JPG . Por exemplo: MODALIDADE(A)_MURALLANOCTURNA.JPG
Cada participante, deberá indicar cal das dúas fotografías selecciona para participar no voto do público. Deberá facelo constar cando entregue as fotografías
Premios*
- Premio Carlos Valcárcel á mellor fotografía do tema proposto pola organización, dotado con 350 €, trofeo e diploma
- Premio Eduardo Ochoa á mellor fotografía do tema libre, dotado con 300 €, e diploma
- Premio do Público á mellor fotografía de ambos os temas, dotado con 100 € e diploma
*Os premios en metálico estarán sometidos ás retencións fiscais legalmente establecidas pola normativa de xestión económica da USC.
Haberá unha exposición na Biblioteca Intercentros durante o período do 3 de novembro ao 14 de decembro de 2026.
Elixiranse 12 fotografías que formarán parte do calendario do ano 2027 de Lugo Cultural, que non teñen por que coincidir coas da exposición.
Entrega de premios
A data da entrega de premios será o 3 de novembro ás 20:30 horas na Biblioteca Intercentros (Sala de Investigadores).
O xurado encargado de decidir os premios será nomeado pola organización. A decisión do xurado será inapelable.
O Premio do Público será outorgado á fotografía que reciba máis votos o día da entrega de premios. Para isto, cada persoa das que acudan ao acto, terá á súa disposición a papeleta de votación que se entregará antes do acto. Unha vez comezada a visualización das fotografías non se entregarán máis papeletas de votación. En caso de empate o premio dividirase en partes iguais.
As fotografías premiadas quedarán en posesión da Universidade de Santiago de Compostela, que poderá facer uso delas para os fins que estime oportunos, sempre facendo mención ás autoras ou autores.
As persoas participantes responsabilizaranse totalmente de que teñen os dereitos e autorizacións pertinentes da imaxe presentada. O feito de participar neste Maratón Fotográfico supón a total aceptación das bases. Calquera incidencia non prevista nelas será resolta pola organización.
Coordinado por Eduardo Ochoa. Dentro da programación do Outono Cultural da USC @cultura_usc no Campus de Lugo e ao abeiro do convenio @lugocultural asinado por Universidade de Santiago de Compostela, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.






