A campaña Lugo Km 100 promovida pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo ten por obxecto fomentar o turismo e poñer en valor a cidade, contamos con tres patrimonios da humanidade: a Catedral, a Muralla e o Camiño Primitivo, e os diferentes camiños a Santiago que a atravesan. Con estas cualidades moi poucas cidades do chamado «turismo de interior» poden competir coa nosa polo que é necesario potencialas con campañas de difusión.
Lugo KM 100 foi presentada por por Maite Ferreiro, Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua. A edil nacionalista indicou que esta será a campaña que a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua levará a Fitur, a Feira Internacional de Turismo que terá lugar en Madrid a finais de xaneiro do 2020.
Maite Ferreiro indicou que “o concello de Lugo está a 100 Km exactos de Compostela, a distancia mínima para obter a Compostelana”. “Isto fai que Lugo poida ser máis atraínte para as persoas que queiran facer o Camiño por primeira vez escapando da masificación do Camiño Francés ou como punto de partida dunha nova ruta a Compostela”, indicou a responsábel da área de Cultura, que engadiu “realizaremos accións que traballen para poñer a Lugo no epicentro turístico do norte do estado”.
Ferreiro anunciou que a área de Cultura está a traballar “en poñer en valor e mellorar as infraestruturas e a estética do camiño Primitivo ao seu paso por Lugo, mellorando entre outras cousas, a sinalización do camiño”, e engadiu que “para atraer camiñantes, estamos estudando a creación dun selo e credencial propios de Lugo”. Maite Ferreiro anunciou tamén que “dentro da programación cultural, realizaranse actividades para a promoción do camiño Primitivo”.