Non coñecemos a programación de todo o ano pero sí que podemos desgranar a programación teatral do primeiro semestre no Gustavo Freire de Lugo que acaba de anunciar Maite Ferreiro – concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, e é a seguinte:

12 de xaneiro – 18:30  “PATAPUM” de Elefante Elegante

Teatro familiar. Recomendada público infantil de 3-8 anos. Duración: 45 minutos

Dirección: María Torres, Gonzalo Guerreiro e Agustín Bolaños – Elenco artístico: María Torres, Gonzalo Guerreiro e Pablo Sánchez

Elefante Elegante presenta un novo espectáculo na liña do seu traballo xestual e cunha forte compoñente plástica e musical. PATAPATÚM propón unha reflexión sobre a presenza dos bens materias nas relacións entre pais e fillos.

Fb

19 de xaneiro – 18:30  “CURVA ESPAÑA” de Chévere

Duración: 90 minutos

Dirección: Xron – Elenco artístico: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Lucía Estevez e Leticia T. Blanco

A historia da curva na que se matou España.

Curva España trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, artellamos unha peza que ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo, bebe do xénero policial e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou. Porque a esta zona afastada España apenas chegou en forma de mito e o mito fala da súa morte nunha curva.

Fb

Cartel da programación teatral do Auditorio Municipal Gustavo Freire 2020
26 de xaneiro – 18:30 “TROGLODITAS” de Tanxarina Títeres

Teatro familiar. Recomendada público infantil de máis de 5 anos. – Duración: 50 minutos

Dirección: Evaristo Calvo – Elenco artístico: actores manipuladores Eduardo Rodríguez Tatán, Miguel Borines e Andrés Giráldez

Tres trogloditas convídannos a entrar no primeiro teatro da prehistoria, A cova, onde imos asistir a un cómico espectáculo cheo de humor e tolería. Da man dos Monicreques e das súas primitivas habilidades imos coñecer a singular forma de vida dos nosos antepasados máis divertidos. 

Fb

29 de xaneiro – 20:30  “POETA EN NOVA YORK” de Producións Paloma Lugilde

Duración: 70 minutos

Dirección: Paloma Lugilde – Elenco artístico: María Roja, Sergio Zearreta e Sabela Eiriz

A Produtora Paloma Lugilde presenta unha adaptación teatral de Poeta en Nova York de Federico García Lorca, obra de irremediable actualidade, abordándoa desde conceptos pouco habituais: o dó como forza motriz a través do trato coa morte (tema ritual do poemario) ou a crise do desexo. 

Cabida: 110 persoas situadas en cadeiras sobre o escenario.

Fb

2 de febreiro – 18:30 “FEO” de Caramuxo Teatro (Premio María Casares 2016 ao mellor espectáculo infantil)

Teatro familiar. Recomendada público infantil de máis de 3 anos. – Duración: 40 minutos

Dirección: Laura Sarasola e Juan Rodríguez – Elenco artístico: Juan Rodríguez e Suso Jalda

Espectáculo inspirado no “Parrulo Feo” de Hans Christian Andersen.

A pequena fábrica de parrulos de goma produce todos os días centos e centos de parrulos do mesmo tamaño e cor, amarelos, amarelos desde 1941! mais un día sae un parrulo diferente…

Feo! é un canto á diversidade e á esencia dun mesmo, unha comedia para toda a familia.

Fb

16 de febreiro – 18:30 “CHOLA A IT GIRL” de Artesacía

Duración: 60 minutos

Dirección e elenco artístico: Laura Villaverde

Chola, mecánica de coches, blogueira e youtuber galega é contratada por un teatro para presentar o seu monólogo ao máis puro estilo de show escénico youtuber. A través da presenza no escenario do seu coche Opel Calibra do 2000 transmitirá, con exemplos prácticos e didácticos, estrategias para poder descubrir quén somos, qué nos gusta, qué nos divirte… e, sobre todo, saber recoñecer de ónde vimos.

Para todo isto, axudarase de vídeos exclusivos, proxectados con técnica de vídeomapping, desafíos en vivo, consellos automobilísticos e dunha gran dose musical. Cando parece que o show envolve a escena, revélase nun descoido de Chola no medio do show un cadaleito que sae do maleteiro do coche, no que está o cadáver de Lito. A través dun diálogo Chola deixa entrever ao público un outro traballo non tan glamoroso. E é a partir de aquí onde Chola revela a súa connotación de It girl con enxeño, humor e personalidade reflectindo a súa realidade imperfecta, que está fóra dos canons da imaxe actual da felicidade e do que debería ter éxito virtual…

Fb

Pínconús Teatro

 

5 de abril – 18:30 “PINCONÚS” de Pinconús.

Teatro familiar. Duración: 65 minutos

Dirección: José Campanari – Elenco artístico: Ana Carreira, Carlos Coira, Marga Portomeñe e Carlos Rebolo

Un día calquera, unha estación de tren, tres persoas que queren viaxar, unha billeteira que vén e que vai… Estación de orixe: Aquimesmo. Destino: Pínconús, ese lugar ao que todos queren ir pero ao que moi pouca xente se atreve. Unha espera de absurdos encontros e desencontros mentres o tren está por chegar.

Fb

12 de abril – 18:30 “Furia Necesaria” de Aldaolado.

Duración: 75 minutos

Elenco artístico: Lucía Aldao e María Lado

As poetas Lucía Aldao e María Lado levan xa unha longa traxectoria como escritoras e creadoras de diversos espectáculos escénicos nos que a poesía, a música en directo e o humor son a base. Nesta liña presentan Furia necesaria, un título que se opón a esa imaxe de amor e tenrura da que tanto se abusa no xénero lírico, e que as poetas toman da obra de Lois Pereiro, de quen aprenderon que a rabia tamén pode dar bos versos.

Furia necesaria de Aldaolado, conta cunha parte importante de narración oral, durante a cal as dúas poetas presentan o tema central baseándose en historias propias e alleas. Outra parte fundamental da función é a musical, na que Lucía Aldao interpreta en directo cancións que adoitan levar aparellado o recitado de textos propios na voz de María Lado. A poesía ten tamén o seu espazo no tempo que ambas poetas dedican a recitar. Por todo isto as montaxes de Aldaolado son espazos transfronteirizos entre xéneros que pretenden comunicar a poesía e a literatura ao gran público, sempre dende un punto de vista ameno e divertido.

Vivimos tempos difíciles, continuamente estamos expostas a situacións que nos indignan, que claman pola nosa rebeldía e que nos dan ansias para saír á rúa a berrar ben alto a nosa rabia. Pero resulta que nestes días complexos que nos tocaron, non hai nin sequera sitio para o malestar: hai que xurar con coidado, manifestarse con condicións, facer as folgas xustas… Semella que vivimos na terra do osos amorosos, e que unha xa non se pode nin cabrear.Esta situación é a gota que colmou o vaso da paciencia de Aldaolado, que acaban de decartase do necesario que é facer un espectáculo poético sobre a indignación, o enfado, a ira, o cabreo e a mala hostia. 

Un espectáculo no que poder expoñer a gusto todas aquelas cousas que as enfadan, os seus pequenos e grandes odios, que son, en gran medida, os de moitas de nós. As poetas son sempre vistas como eses seres riquiños, de infinita tenrura, que só saben falar de amor -ou desamor-, pero cunha candidez propia dunha beata en proceso de canonización. Lucía Aldao e María Lado xa están fartas de cargar con esa imaxe de santiñas. Queren ter o dereito ao enfado que o riquiñismo lles nega. Queren ter un sitio onde dar renda solta ao seu malestar. Así nace Furia necesaria, unha proposta que combina lirismo e rebeldía a partes iguais, unha crítica construtiva feita dende a ironía e a retranca que as caracteriza.

19 de abril – 18:30 “CELEBRARÉ MI MUERTE” de Joan Fernández.

Duración: 70 minutos

Dirección: Alberto San Juan – Elenco artístico: Marcos Hourmann

O 28 de marzo de 2005 a vida do cirurxián Marcos Hourmann cambiou para sempre. De madrugada, unha paciente de máis de 80 anos chegou ao servizo de urxencias do hospital onde traballaba. Sometida a un gran sufrimento físico, o prognóstico só lle daba unhas horas de esperanza de vida.

A paciente e a súa filla pedíronlle que terminara definitivamente co seu sufrimento. Marcos, saltando todo o protocolo médico, inxectoulle 50 mg de cloruro de potasio na vea. Morreu aos poucos minutos. E Hourmann fixo unha cousa que nunca fixera ninguén neste país: deixou escrito no informe o ocorrido. Poucos meses despois, Marcos recibiu unha notificación do xulgado: estaba acusado de homicidio. A familia nunca o denunciou, pero si o hospital. Por aquela decisión podía pasar ata 10 anos en prisión.

Agora o público emitirá o veredicto.

10 de maio – 18:30  “FALAR POR FALAR” de Volta e Dálle Teatro

Duración: 65 minutos

Dirección: Carlos Santiago – Elenco artístico: Carlos Santiago e Pepe Penabade

Todo indica que o futuro da lingua galega é incerto. Malia os niveis de protección legal do idioma, e case dous séculos de rexurdimento civil e literario, o descenso de falantes é evidente, con grande incidencia nas novas xeracións de galegas e galegos. Pero alén e aquén das análises sociolingüísticas, a lingua segue viva e reclama o seu lugar natural nas nosas vidas. Atravesada por conflitos de longa data e certamente mareada polos avatares da política, a lingua espera sempre por nós nalgún punto do camiño. Moita xente mamouna no berce, outra demorou en romper a falala, e hai quen nunca a falou nin nunca a falará. Por iso «Falar por Falar» proponnos un achegamento á realidade da lingua, desde a propia vivencia dos falantes e os non falantes.

Fb

17 de maio – 18:30 “MAI MAI” de Baobab Teatro.

Teatro familiar. Recomendada público infantil a partir de 5 anos. Duración: 55 minutos

Dirección: Andrea Bayer e Óscar Ferreira – Elenco artístico: Xosé Manuel Esperante, Atenea Fernández e Daniel Abalo.

«Mai Mai» É a historia do último Oso Panda do planeta e a súa loita por sobrevivir. A falta de comida e os problemas ocasionados polo quecemento global fan difícil a supervivencia desta especie. Unha muller emprendedora e moi revolucionaria e un famoso fotógrafo comezan unha viaxe por separado para atopar o último Panda do planeta, toda unha aventura na que se atoparán unha chea de problemas que solventar….

Unha historia tenra e moi divertida onde se mestura o amor, a codicia, o éxito e a concienciación medioambiental. Unha historia que fala de revolución, que plasma o apoderamento da muller e nos fará meditar sobre o que estamos a facer co noso planeta.

Fb

24 de maio – 18:30 “CRÓNICAS DO PARAÍSO” de Sarabela teatro.

Duración: 70 minutos

Dirección: Gonzalo Guerreiro – Elenco artístico: Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fran Lareu, Sabela Gago e Fina Calleja

Unha carroza cargada de maletas, que está a acubillar a misteriosos pasaxeiros, consegue poñerse en marcha e lánzase polos camiños dunha Bretaña imaxinaria. A cuadrilla leva da man, na súa danza, a un sochantre asustado. Queren que toque para as exequias do señor De Quelven. Todos se ilusionan coas melodías do seu bombardino, pois, por un espazo breve de tempo, as notas arrincan aos espectros da súa condición.

Pero, que ocorrerá á noitiña? Que ocorrerá cando se durma o sochantre?

Nestas historias mil e mil veces repetidas xúntanse lendas célticas dos reinos de Bretaña e Galicia e traxedias universais.

Un universo viaxeiro poboado por bandidos, armas, diñeiro e sangue pero non hai mortes nin ninguén morre, quizais porque estean todos mortos ou porque o verdadeiro bandido siga eternamente vivo. O poder do diñeiro, a luxuria, a gula, os negocios escuros colocan aos personaxes en situacións irónicas entre a vida e a morte onde a eternidade acaba por afirmarse como o máis duro castigo xudicial.

Fb

31 de maio 18:30  “CRUNCH” de Muu.

OLLO: Espectáculo que se realizará na rúa, na praza Maior.

Novo Circo. Recomendada público infantil a partir de 4 anos. – Duración: 55 minutos

Dirección: Natalia Outeiro “Pajarito” – Óscar Páez e Dani Blanco

Onde están cando se lles necesita?

É unha pregunta que estamos afeitos a facernos sobre os amigos, os políticos, a familia, etc. Algunha vez eles fallan pero os superheroes sempre estarán alí para coidarte. Dous superheroes que están dispostos a todo para axudar, aínda que as cousas non saian sempre como queren. Os seus problemas son os teus problemas, coa crise, a conciliación laboral e familiar faise difícil incluso para eles. No fondo todas somos superheroes.

Un espectáculo de novo circo, de vellos amigos, de clown, de malabares diarios para chegar a fin de mes, de saltos mortais, de golpes e caídas das que un aprende e sae adiante e sobre todo de risas que é o máis necesario. Ti non os ves, pero eles estante mirando.

Fb

7 de xuño 18:30 “O MELLOR DOS CATRO ELEMENTOS” de Pepe Vaamonde Grupo.

Música. Duración: 75 minutos

Tras dezaoito anos de existencia, a banda Pepe Vaamonde Grupo quere festexar a súa maioría de idade ofrecendo un espectáculo en directo para esta tempada, composto polos mellores temas dos seus catro traballos discográficos. Cancións tradicionais e pezas instrumentais de composición propia que superaron o filtro do público ao longo de todos estes anos. Así, O Mellor dos Catro Elementos convértese nun espectáculo de grande forza e orixinalidade contrastada en máis dun cento de escenarios, garantindo un concerto inesquecible para os amantes deste estilo musical e público en xeral.

Fb

ENTRADAS 

As entradas para obras para público adulto custarán 5€, cun desconto do 30% para persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG, mentres que os espectáculos para público familiar custarán 3€. As entradas poderán adquirirse no portal web entradaslugo.es e na Oficina de Turismo até 3 horas antes do comezo de cada función, e unha hora e media antes do comezo do espectáculo no auditorio.