FOTOGRAFÍAS: BEGO PÉREZ

A Universidade de Santiago de Compostela Campus de Lugo, celebrou a entrega de premios dos Certames de Videocreación e Paisaxe Sonora, unha cita dedicada á creación artística contemporánea que reuniu propostas audiovisuais e sonoras arredor da experimentación, a linguaxe creativa e a reflexión social e medioambiental.

O encontro incluíu tamén o visionado e a escoita das obras seleccionadas, así como a votación do público, que tivo a oportunidade de participar directamente na elección das propostas premiadas.

No Certame de Videocreación, o Premio Isidro Novo á mellor linguaxe literaria foi para Aeternum silentium, de Martina Olivieri López. O xurado destacou a capacidade da curtametraxe para transmitir unha intensa carga emocional a través dun texto descritivo connotativo, enriquecido con recursos literarios e figuras sensoriais. Unha obra na que o trauma se presenta como unha experiencia que permanece silenciosamente no interior e na que as imaxes contribúen a involucrar emocionalmente o espectador.

Pola súa banda, o Premio Araceli Herrero á mellor linguaxe visual e mellor comunicación audiovisual recaeu en Yaguara e Betania, de Andrés Ortiz Ardila. O traballo foi recoñecido por achegar unha mirada ampla a unha realidade medioambiental e social que conecta territorios e inxustizas, combinando fontes de arquivo colectivo con testemuñas individuais. O xurado valorou especialmente o uso da linguaxe audiovisual como ferramenta de reflexión e denuncia, máis alá da súa dimensión estética. O público, pola súa parte, escolleu a curtametraxe Ramona como a súa favorita.

No apartado de Paisaxe Sonora, o premio do xurado foi para Dinquenonfalanasplantas_Leira_Haus, de @leira.haus, proposta que tamén obtivo o recoñecemento do público.

A entrega contou coa presenza de Ana Cabana Iglesia, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC; Iria Castro Fernández, deputada de Cultura, Patrimonio Histórico e Lingüístico da Deputación de Lugo; e Javier Vázquez Prado, concelleiro de Cultura e Educación do Concello de Lugo.

Tamén participaron Carmen Pérez Granxeiro, xurada do Premio Araceli Herrero e coordinadora do Certame de Videocreación; Dolores Rodríguez López e Bruno López Rodríguez, familiares de Isidro Novo e integrantes do xurado do premio que leva o seu nome; Arturo Abrigueiro, coordinador do Certame de Paisaxe Sonora; e Mónica Alonso, responsable do deseño dos premios de Videocreación. Marcos Maril formou parte, así mesmo, do xurado de Paisaxe Sonora, cuxos galardóns foron deseñados por Montse Rego.

Dentro da programación do Outono Cultural da USC @cultura_usc no Campus de Lugo e ao abeiro do convenio @lugocultural asinado por Universidade de Santiago de Compostela, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.