Foto de Marcos Loopez para Viva Lugo
‘Galeguia: I Encontro artístico de canto de mulleres’
Unha proposta necesaria que abre camiños de futuro e deixa o desexo compartido de que este encontro teña unha longa continuidade.
Foto de Marcos Loopez para Viva Lugo

Unha reportaxe patrocinada por: Vicepresidencia Deputación de Lugo:

Hai encontros que transcenden a mera axenda de eventos para se converteren en verdadeiros puntos de inflexión cultural. Iso foi precisamente o que aconteceu esta fin de semana en Lugo con ‘Galeguia: I Encontro artístico de canto de mulleres’, unha cita que logrou tecer unha ponte sonora e emocional entre Galicia, Portugal, Cabo Verde e Brasil.

Durante tres días, espazos como o Pazo de San Marcos, o Auditorio de Veterinaria e a Casa do Saber acolleron palestras, obradoiros e conversas centradas na tradición oral e na vangarda vocal, promovendo a horizontalidade e a creación en comunidade.
Foto de Marcos Loopez para Viva Lugo
O encontro reivindicou a voz feminina e o canto colectivo como ferramenta de memoria, resistencia e ben común. 
Un dos grandes acertos da programación foi a súa capacidade para reivindicar o canto colectivo non só como unha expresión artística de primeiro nivel, senón tamén como unha ferramenta política e relacional indispensábel nos tempos actuais.
A fluidez con que se mesturaron os saberes tradicionais e as propostas contemporáneas deixou patente a riqueza dun patrimonio común que se fortalece cando se pon en común.
Foto de Marcos Loopez para Viva Lugo
O broche de ouro á altura dun evento destas características púxoo o concerto de clausura. A unión sobre as táboas de Vânia Couto e Xoán Fuertes, arroupados por figuras da talla de Ugía Pedreira, Liliana Abreu, Miguel Díaz Valdés, Dulce Cuz e Matilde Simões, xerou unha atmosfera máxica e emocionante. A forza das voces das mulleres do Coro da Fábrica, Erikas e Peluxias e Batuko Tabanka elevou o espectáculo até convertelo nunha auténtica celebración da diversidade e do empoderamento feminino.
Con esta primeira edición, impulsada grazas ao apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e á colaboración da Vicerreitoría de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, ‘Galeguia’ asenta uns alicerces moi sólidos.