Un ano máis chega a programación de actividades do Lugo Cultural para revolucionar a vida cultural lucense. Este ano 2020 conta con dez eventos culturais interdisciplinares – teatro, danza, conferencias, escoitas electroacústicas, performances e certames de fotografía e videocreación – ademais de visitas guiadas e 19 concertos estruturados en ciclos de música de cámara e música galega de estilos variados.
A programación musical do Lugo Cultural concéntrase en gran medida nos ciclos «Músicas a Carón da Mosqueira» «Na calzada» e «Lubicán».
O ciclo de cámara ‘Músicas a Carón da Mosqueira’ está estruturado este ano en seis concertos. Así, ademais da sesión apertura, este luns 10 de febreiro na Casa do Saber, cun concerto de cámara a cargo do Cuarteto Óscar Esplá de Asisa, tamén actuarán na Casa do Saber e no Círculo das Artes de Lugo Inés Moreno, Luis Alejandro García, o Coro Universidade de Santiago de Compostela, Trío Schola, ademais do dúo de voz e piano formado por Julia Portela Piñón e Harry Rylance. O cartel de ‘Na Calzada’ – plataforma para dar a coñecer artistas noveis lugueses que están a formarse alén das murallas- ofrece a posibilidade de gozar nos vindeiros meses do talento musical da pianista Aida Saco, Hit the Beat e a súa ‘Música entre amigos’, Silvia Ouro, Marta García e Álvaro Gay, así como das producións de Son de Corda.
«Lubicán» é unha fiestra musical aberta aos novos creadores galegos e en galego, que ten fixada a súa primeira parada o 27 de febreiro, no Círculo das Artes de Lugo, o escenario no que WöYZA fará a presentación do seu último traballo ‘Tábula Rasa’. Logo do concerto de WöYZA, MJ Pérez visitará en marzo o Círculo das Artes para presentar ‘A luz prendida’. Agoraphobia traerá en abril ‘Unaligned’ á Praza de Santa María, o mesmo escenario no que Best Boy pechará o Lubicán en maio.
O ‘Lubicán íntimo’ ofrece tamén a posibilidade de gozar de dúas novas citas musiciais na Casa do Saber, onde Pablo Sanmamed Trío presentará o 14 de febreiro ‘16/046’. Este mesmo espazo acubillará en marzo unha actuación de Rafa Martínez. María Roja e María Chiginskaya abren 13 de febreiro os ‘Xoves de Moda’, con ‘Ada ou contar de memoria unha novela de Nabokov’. ‘Plástica&Sonora. Diálogo entre a música e a creación escénica contemporánea’, a cargo de Marta Pazos e Hugo Torres; a gravación en directo de ‘Lume: Vello Cárcere’, a cargo de Telémaco, e a actuación ‘Colapso Jam’, de Lctrct Dj, completan o cartel.
O Festival de Teatro Universitario, que se celebrará do 26 ao 31 de marzo, é no marco do que a compañía de teatro USC-Lugo, dirixida por Sergio Zearreta, presentá ‘Ubu Rei’; o Encontro de Danza, que terá lugar os días 27 e 28 de marzo no Vello Cárcere; unha nova edición do Curso de Primavera, o maratón cinematográfico ‘FindeCurta’ e o obradoiro de música experimental ‘Son Creativos’, son, ademais do Maratón Fortográfico, outros dos eventos integrados no Lugo Cultural. A programación de 2020 volve a apostar polo programa ‘Noite na Domus’, que inclúe visitas musicadas ao xacemento da Domus do Mitreo o 13 de marzo, 3 de abril e 15 de maio.
O programa foi presentado por: a concelleira de Cultura do Concello de Lugo e deputada provincial responsable da mesma área, Tareixa Ferreiro, e o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación para Cultura, Estudantes, Internacionalización e Servizos, Jesús Varela Zapata, e a técnico e programadora da Área de Cultura da USC no campus lugués, Paloma Lugilde.
Lugo Cultural é un convenio que recibe financiamento da USC, Concello e Deputación Provincial de Lugo para programar eventos culturais e artísticos ao longo do ano. Fomentar a formación, creación, experimentación, investigación, produción, distribución e intercambio de experiencias no eido das artes, con especial atención á comunidade universitaria e a súa relación coa cidade, complementando a oferta cultural da cidade é a finalidade principal deste convenio.