A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que, para tentar reducir as consecuencias que a crise sanitaria do COVID19 producirá no sector cultural, “dende a área de Cultura estamos traballando para reprogramar o calendario de actividades culturais do 2020”. Segundo indicou a edil de Cultura, “estamos buscando novas datas para desenvolver os espectáculos adiados, e garantimos as aportacións municipais comprometidas con todas aquelas actividades ás que non sexa posíbel atopar unha nova data”.
A área de Cultura manterá a colaboración e o apoio ao sector cultural e ao tecido asociativo da cidade. Segundo declarou Maite Ferreiro, “retomarase a actividade nas instalacións culturais dependentes desta área en canto sexa posíbel”. “Esta crise sanitaria é unha situación excepcional, e dende a área de Cultura debemos dar tamén unha resposta tamén excepcional”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “para as estruturas profesionais da cultura galega estamos diante dun contexto de loita pola propia supervivencia, e dende as institucións temos o deber de colaborar con este sector”.
Novo Auditorio
Segundo Maite Ferreiro, “unha vez remate o estado de alarma agardamos poder avanzar de cara a materializar dunha vez a cesión do novo auditorio”. Para a edil de Cultura, “as novas instalacións permitirannos manter a programación adiada e a continuar co calendario previsto para este ano”.