O Museo Universitario A Domus do Mitreo do Campus de Lugo da USC reabre este martes 09 de xuño as súas dependencias ás visitas de público
O Museo Universitario A Domus do Mitreo do Campus de Lugo da USC reabre este martes 09 de xuño as súas dependencias ás visitas de público logo de permanecer pechadas durante os últimos tres meses por mor dos efectos da pandemia causada pola COVID-19, un período durante o que a web deste singular enclave museístico que, 2.000 anos despois, aínda permite visibilizar a fonda pegada social, económica, cultural e relixiosa que os romanos deixaron na cidade de Lugo, recibiu unha auténtica avalancha de visitantes e rexistrou unha intensa actividade dos recursos didácticos que pon a disposición da cidadanía.
A reapertura das visitas ás dependencias do Museo Universitario A Domus do Mitreo respectará o horario de apertura habitual anterior á pandemia, polo que as persoas interesadas poderán achegarse ás entrañas deste museo de martes a sábado, en quenda de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, ademais das mañás dos domingos, de 11.00 a 14.00 horas.
Alén de contribuír á normalización do proceso de desescalada post-pandemia e de revitalizar o potencial turístico e cultural da capital lucense, a reapertura ao público do Museo Universitario A Domus do Mitreo trae tamén algunhas sorpresas para os visitantes, tal é como é o proxecto de ampliación do número de pezas achadas durante os traballos de escavación deste xacemento, que en breve estarán accesibles nas distintas vitrinas das salas expositivas, segundo indicou a directora do Museo Universitario A Domus do Mitreo, a profesora de Historia Antiga da USC Dolores Dopico Caínzos.