A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua anunciou no día de hoxe os grupos cos que contará esta fin de semana a iniciativa musical Muralleando Sen Parar, que aportará un fío musical ao redor da Ronda da Muralla con 36 formacións musicais lucenses de todos os estilos. Segundo lembrou a edil de Cultura, Maite Ferreiro, “trátase dunha aposta polo tecido cultural local, polo son e pola música de Lugo, representado nos distintos estilos musicais”.
Na cuarta semana de Muralleando Sen Parar, Mr. Hattaway, Reviravolta e Bruno Villamor serán os grupos encargados de animar a tarde do venres 26, en Bispo Aguirre, Rúa Nova e na Rúa do Teatro respectivamente. O sábado 20, San Fernando contará con Wealman, Raiceira actuará na Mosqueira e Phisical Graffiti na Porta Miñça. Para a tarde do domingo 21, Cántigas e Frores animará a rúa Bispo Aguirre, mentres que a Rúa Nova contará con Mixtape e Adrián Vigo Trío situaranse na Rúa do Teatro.
Maite Ferreiro animou ás veciñas e veciños a “pasear pola Ronda da Muralla para desfrutar da música das nosas artistas e avanzar de cara a un Lugo con menos tráfico e máis cultura”.