«Na Bocanoite» – A exitosa reinvención do Lugo Cultural
Germán Díaz e Celso Rodríguez Cao, música e charla sobre arqueoloxía, abriron unha nova era do programa cultural da USC en Lugo que conta co apoio de Cultura do Concello e a Deputación.
Na Bocanoite, nova programación do Lugo Cultural. Noite na Domus

A crise sanitaria, as fases e medidas a tomar en tódolos ámbitos da vida, trouxeron cambios a moitas facetas e formas de facer cousas no cotiá. Ademáis, forzou o inxenio e a imaxinación de todos e todas para que nada, en ningún sector, parase. No caso do sector cultural, un dos principais retos foi (e é) a volta aos eventos culturais, físicos, cumprindo a normativa vixente para este tipo de actividade. 

Con gran parte da programación aprazada, a equipa do Lugo Cultural, adaptouse á nova situación fusionando parte dos seus ciclos culturais «Lubicán» e «Noites na Domus» nun só: Na Bocanoite, coa sorpresa e arriscada aposta de situar aos artistas na terraza da Casa do Saber e ao público no atrio da Catedral. 

O pasado xoves 25 tivo lugar a súa primeira proposta e o «experimento» foi…un éxito. O novo espazo cultural que nace en Lugo grazas á idea da organización do Lugo Cultural é, como raras veces decimos en Viva Lugo, de GRAN OVACIÓN. A programación continúa con:

XOVES 2 DE XULLO, 20 HORAS
Best Boy Concerto

XOVES 9 DE XULLO, 22:30 HORAS
Noite na Domus: Sólo Voces e Celso Rodríguez Cao

XOVES 16 DE XULLO, 20 HORAS
M.J. Pérez Concerto

XOVES 23 DE XULLO, 22:30 HORAS
Noite na Domus: Germán Díaz e Celso Rodríguez Cao

XOVES 30 DE XULLO, 20 HORAS
Agoraphobia Concerto

A entrada é gratuíta. Os convites —ata un máximo de 2 por persoa— entreganse por orde de chegada na Oficina de Cultura o día antes de cada actividade, entre as 10 e as 13 horas (principal aspecto a mellorar, ao noso xuízo, o de dar máis tempo para a recollida das entradas).  No momento da entrega, será preciso indicar o nome completo e o número de DNI das persoas que van asistir, dato que se comprobará o mesmo día da actividade, para poder acceder ao concerto.