A Biblioteca Provincial de Lugo amosa ata finais de mes unha escolma das imaxes presentadas ao XXVI Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, un certame artístico promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da Deputación Provincial de Lugo, Concello de Lugo e USC, e dotado con 900 euros en premios para as tres imaxes máis valoradas polo xurado, cuxos gañadores se deron a coñecer estes xoves no marco dun acto celebrado na Biblioteca Provincial.
O Premio Carlos Valcárcel á mellor fotografía do XXVI Maratón Fotográfico do Campus de Lugo recaeu na imaxe ‘Reflexos da xastrería’, obra de Begoña Pérez López, quen recibiu como agasallo 300 euros en metálico, así como trofeo e diploma. O xurado acordou asemade outorgar o galardón á mellor fotografía ligada co tema proposto pola organización ‘O teu refuxio’, un premio que leva o nome de Eduardo Ochoa, en recoñecemento ao labor desenvolvido polo coordinador deste certame, á imaxe titulada ‘Refuxio no papel’, de Ana María Cancio Villamarín. O premio á mellor fotografía presentada na modalidade de tema libre, tamén dotado cunha gratificación en metálico de 300 euros, trofeo e diploma, foi para José Marcelino Saavedra Pepe Saavedra, pola fotografía ‘Onda, partícula, pensamento’
A directora da Biblioteca Provincial de Lugo, María Elena García Pazos; o coordinador do maratón, Eduardo Ochoa; o tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o asesor de Cultura do Concello de Lugo Anxo Lamelo, que comparten a condición de membros do xurado encargado de fallar este certame, tamén participaron na cerimonia de entrega de premios, unha sesión na que salientaron a alta calidade das propostas presentadas a concurso.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte