Unha fotografía da Reservas da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionada pola Deputación de Lugo, foi seleccionada para figurar no calendario do 2021 editado pola Rede Española de Reservas da Biosfera, en colaboración coa prestixiosa National Geographic, mundialmente coñecida polas súas reportaxes e fotografías de natureza, para conmemorar o 50 aniversario do programa Persoa e Biosfera (MaB), que se celebra este ano.
A imaxe, que ilustra o mes de marzo, titúlase Ocaso Castrexo e foi tomada no castro de Santa María de Cervantes por Óscar Doral, un dos gañadores do IV Concurso de Fotografía das Reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. A Deputación convoca este certame anualmente para poñer en valor e promocionar estes entorno naturais.
Trátase da única representación das Reservas galegas que figura no calendario editado por National Geographic e foi escollida entre os 52 territorios de toda España que contan con este recoñecemento da UNESCO.
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, que fixo chegar un exemplar da publicación a todos os alcaldes dos 29 concellos que forman parte da Reserva dos Ancares Lucenses e da de Terras do Miño, ambas xestionadas pola institución provincial, subliña que esta iniciativa “é todo un orgullo para a nosa provincia, ademais dun feito que contribuirá, sen dúbida, á proxección da riqueza medioambiental do noso territorio a nivel nacional e internacional, algo
especialmente importante nestes momentos de crise provocada pola pandemia da Covid-19”.