A programación da Área de Cultura da USC no Campus de Lugo inclúe durante o mes de febreiro a celebración de diversos cursos e obradoiros de dramaturxia, escrita de guións, fotografía social e de rúa e elaboración de marionetas. O prazo de inscrición nas distintas actividades formativas, que se
desenvolverán en liña ou de xeito presencial, en función da evolución da situación sociosanitaria, permanece aberto no enderezo de correo electrónico
cultura.lugo@usc.es . Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 982 821 513.
O obradoiro de Dramaturxia, un programa impartido por Ernesto Is e que se inclúe entre as actividades complementarias promovidas ao abeiro do Convenio Lugo Cultural, querecibe financiamento da USC, Deputación e Concello de Lugo, comezará o 10 de febreiro e desenvolverase de xeito telemático, do mesmo xeito que o obradoiro de marionetas que xa está a impartir Marga Portomeñe e para o que aínda hai prazas dispoñibles.
Alén das actividades culturais financiadas por Lugo Cultural, a Área de Cultura da USC mantén na súa programación para o Campus de Lugo un curso sobre escritura de guións. O guionista Pepe Coira será o encargado de impartir esta seminario, que se desenvolverá en liña, agás que a situación permita a celebración de sesións presenciais na Casa do Saber, todos os venres desde o 26 de febreiro ata o 7 de maio, en quenda de tarde, de 17.00 a 20.00 horas.
O curso atende a tres cuestións básicas: para que serve un guión? De que está feito? Como é o traballo do guionista? A busca de respostas para estas preguntas corre en paralelo ao segundo grande aspecto do curso: unha introdución á práctica da escritura, desde a definición inicial dun proxecto ata a redacción do guión dunha curta. O módulo combina aspectos teóricos e prácticos e ten como principal obxectivo familiarizar os alumnos coas particularidades da escrita do guión, un texto que é, sobre todo, unha ferramenta para a elaboración dun proxecto audiovisual.
A fotografía completa o abano de disciplinas artísticas que abrangue a oferta formativa programada para as próximas datas en Lugo pola Área de Cultura da USC, que ofrece ás persoas interesadas as posibilidades de achegarse á sétima arte a través do módulo formativo de fotografía de rúa e social que impartirán a partir do 19 de febreiro Marcos Loopez e Adra Pallón.
Baixo a premisa de “a facer fotos apréndese… facendo fotos”, Loopez e Pallón presentarán aos participantes os coñecementos teóricos imprescindibles para logo practicar a fotografía na rúa. Inspirándose nos grandes fotógrafos e fotógrafas de rúa e sociais da historia, a metodoloxía do curso impartido por Loopez e Pallón contempla a visualización de cartafois, fotolibros e vídeos sobre fotografía.
As distintas sesións formativas desenvolveranse en quenda de tarde no auditorio da Casa do Saber de Lugo, escenario no que Loopez e Pallón afondarán sobre conceptos básicos e prácticos sobre ISO, diafragma, profundidade de campo, velocidade de obturación, exposición, enfoque, modos de medición manuais e con opción automáticas, composición…