A área de Xuventude preparou para o primeiro semestre do ano unha nova programación, dirixida á mocidade activa de Lugo de entre 14 e 35 anos. Dadas as circunstancias sanitarias actuais, esta programación, pasará a desenvolverse integramente de xeito telemático, podendo retomarse, algunha das actividades, de modo presencial en canto a situación reverta.
Entre as propostas que se porán en marcha de febreiro a xuño figuran moitas modalidades deportivas co obxecto de seguir dinamizando o lecer xuvenil de forma saudable.
Nesta primeira metade do ano haberá espazo para obradoiros de Upcycling, coñecido como supra-reciclaxe ou reciclaxe creativa, e mesmo de cociña, que ao longo dos videiros meses estarán dirixidos a afondar no recetario galego, despois de ter repasado xa a gastornomía hindú, ceutí, mexicana, vietnamita ou do norte de África, entre outras rexións.
Xuventude ampliará igualmente a oferta lúdica para a rapazada da cidade en datas sinaladas como o Entroido ou o Día da Muller e ultima, alén, outras actividades de índole máis formativa, como linguaxe de signos ou seguridade viaria en vehículos de mobilidade persoal, que anunciará proximamente. Tamén traballa nas rutas a pé, tan demandadas pola mocidade luguesa.
Ademais, en vista do éxito que acadou o pasado ano, Ana Abelleira anunciou que continuará o ciclo de masterclass online de nutrición.
“Será os segundos mércores de cada mes, dende marzo a xuño, ás 20:00 horas nas redes sociais oficiais de Xuventude e nelas abordaranse temas como a alimentación vexetariana e vegana, menús semais para estudantes, como cociñar sano e barato ou se é necesaria ou non a suplementación en canto á alimentación e deporte”, sinalou a edil.
Asesorías xuvenís
Pola súa banda, as asesorías xuvenís manterán o horario no que se viña ofrecendo este servizo. A de tipo xurídico terá lugar os luns e mércores de 19:30 a 21:00 horas, para temas administrativos, civís, penais ou laborais; e a psicolóxica, os martes e xoves, de 18:00 a 20:00 horas.
Os encontros, que xa se estaban a realizar en liña, a través da plataforma gratuíta Google Meet, celebraranse en sesións individuais de máximo 30 minutos de duración. Para participar será necesario solicitar cita previa enviando un email ao enderezo: asesoriavirtual.concellodelugo@gmail.com
Neste correo as mozas e mozos interesados deberán achegar os seus datos persoais (nome, apelidos, DNI, data de nacemento e teléfono de contacto) así como un consentimento expreso para compartir imaxe en vivo co Concello. A continuación recibirán unha confirmación co día e a hora da asesoría. Así mesmo, 15 minutos antes de que teña lugar o encontro online, os participantes recibirán no seu email un código para introducir na plataforma Google Meet co que acceder á reunión.
Este servizo de escoita, información, apoio e orientación é de balde e nel garántese a confidencialidade e a intimidade das persoas usuarias.