Entroideando Lugo 2021 - Programa Cultura e Turismo

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou o certame telemático de disfraces Entroideando 2021, co que desde a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo se pretende manter a tradición e o espírito do Entroido, debido a que este ano non se poderán realizar os tradicionais desfiles e actividades artísticas e culturais que se viñan realizando nas rúas da cidade. Maite Ferreiro anunciou que “xunto co concurso de disfraces, nos vindeiros días anunciaremos unha serie de concertos telemáticos cos que complementaremos a programación deste Entroido”.

Maite Ferreiro explicou que “o certame de disfraces Entroideando 2021 non ten carácter competitivo, senón que pretendemos fomentar o carácter lúdico do Entroido, tanto con disfraces caseiros como con disfraces máis elaborados”. A edil de Cultura afirmou que “pretendemos fomentar a participación veciñal” e engadiu “todas as persoas que participen terán as mesmas posibilidades de gañar algún dos premios”.

Para participar no certame Entroideando 2021, as persoas que o desexen deberán subir unha foto ou vídeo ás redes sociais co disfraz de Entroido do ano actual ou de anos anteriores, e etiquetar a publicación co cancelo #Entroideando e mencionar a conta de Cultura e Turismo. Na descripción da publicación deberá indicarse tamén o ano de realización, e nas imaxes de nova realización deberán cumprirse todas as normativas sanitarias vixentes, derivadas da crise sanitaria.

Entre todas as participantes realizarase un sorteo de 64 vales de 60€ para mercar nas distintas librarías locais. Cada persoa poderá subir todas as imaxes que desexen, mais só poderán entrar ao reparto de premios cun máximo de 3 participacións. De cara á realización do sorteo só se terán en conta as publicacións realizadas entre o 5 e o 17 de febreiro, comezando e rematando o prazo ás 14 horas de cada día.

Enterro da sardiña

A área de Cultura difundirá nas redes sociais un vídeo elaborado pola Asociación Pepe Barreiro, que resume os 20 anos de vida da asociación e as actividades realizadas.

No vídeo, as veciñas e veciños de Lugo verán imaxes das distintas conferencias organizadas pola Asociación, xunto con retrospectivas dos enterros da sardiña, ademais, inclúense imaxes que fan referencia á exposición “Asociación Pepe Barreiro, un antes e un despois”, que se situou durante o Entroido pasado na Rúa da Raíña