Investimento directo de preto de 900.000 euros para desenvolver programacións culturais propias ao longo deste 2021
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro deu conta da previsión de investimento da área de Cultura recollida no Plan de Contratación para 2021, aprobado pola Xunta de Goberno. Maite Ferreiro explicou que se prevé un investimento directo de preto de 900.000 euros para desenvolver programacións culturais propias ao longo deste 2021. “Trátase dun investimento que irá directamente ao tecido cultural, un dos sectores máis afectados pola crise, sobre todo no que ten que ver coas artes escénicas, coa música e cos espectáculos ao vivo, que involucran non só a creadoras e creadores senón tamén a persoal técnico”.
A vicepresidenta sinalou que “na concreción das programacións traballaremos, como o viñemos facendo, en colaboración con concellos, asociacións e centros de ensino, coa intención de levar actos culturais a todas as parroquias, concellos e comarcas, adaptándonos as condicións que requira a situación sanitaria en cada momento
Circuítos teatrais e Musiqueando
A vicepresidenta adiantou tamén que “entre finais de marzo e comezos de abril empezaremos a traballar no deseño dos circuítos de teatro profesional e afeccionado e máis o Musiqueando, as programacións máis
consolidadas da área de Cultura, para que os concellos dispoñan desas actuacións para organizar as súas programacións, sobre todo de cara ao verán”.