Venres, 7 de maio de 2021 20:00 h. Círculo das Artes de Lugo

Real Filharmonía de Galicia

Maximino Zumalave, director

Programa:
M. Ravel: Le Tombeau de Couperin
M. Ravel: Pavana para una infanta difunta
G. Fauré: Pavana, op. 50
G. Fauré: Masques et Bergamasques, op. 112

Organizado por: www.filarmonicadelugo.com

Para asistir aos concertos será preciso reservar as localidades.

Compre reservalas por correo electrónico no enderezo: filarmonicadelugo@gmail.com ou chamando por teléfono ao número 982 230 805

A Pavana para unha infanta defunta de Maurice Ravel foi composta no ano 1899, inicialmente para piano e arranxada para orquestra uns anos despois. Enmarcada nun estilo impresionista, a cabalo entre o romanticismo e o cambio estilístico que se iniciaría no século XX, é unha obra de trazos neoclásicos, evocando estilos de tempos pasados traéndoos ao contexto musical da súa época, en tanto composición e harmonías, pero nunca esvaendo de forma completa a súa forma orixinal. Ravel mestura a sutileza das evocadoras e delicadas melodías impresionistas e unha Pavana, unha danza lenta que se bailaba na corte española no século XVI. A pesares do título que puxo á súa obra non quixo recordar a ningunha princesa en particular, se non expresar o seu gusto nostálxico pola moda e a sensibilidade española que tamén manifestou noutras obras, como a Rapsodia española e o famoso Bolero. Non obstante, o compositor dedicou a obra á princesa de Polignac. O pianista español Ricardo Viñes estivo a cargo da estrea o 5 de abril de 1902, en tanto que a primeira interpretación da versión orquestral tivo lugar o 27 de febreiro de 1911 na cidade de Manchester, baixo a dirección de Henry Wood.

Tempos pasados tamén evoca Ravel en Le Tombeau de Couperin. Inicialmente una suite para piano en seis movementos, que inicia en 1914 coa intención de combinar unha homenaxe á música do barroco francés –mediante elementos formais e estruturais propios da época– coa súa propia linguaxe, que se ve truncada pola 1ª guerra mundial e que retoma tras esta, marcado profundamente pola mesma, xa cunha segunda lectura na que o que ía ser unha suite de danzas galante e desenfadada, pasou a se converter nunha elexía. Aínda que mantén a súa esencia formal, Ravel omite a denominación de suite e substitúea por tombeau, orixinal do Barroco, que fai referencia a unha composición en memoria dun falecido. Así nun primeiro nivel se encontra a homenaxe máis clara a unha época luminosa da música francesa, á herdanza dos grandes clavecinistas. Este tributo apréciase na elección da forma suite, na mención directa a François Couperin –aínda que o propio Ravel deixou constancia de que a súa homenaxe non se limitaba á figura de Couperin senón que se estendía tamén a Jean Philippe Rameau e a todo o barroco francés. Un segundo nivel relativo ás homenaxes contidas no Tombeau toca moi de cerca a Ravel e ao seu círculo máis preto. Cada un dos movementos da obra está dedicado a unha persoa falecida na contenda, pero non aos seus amigos caídos senón a aqueles que sobreviviron, e a homenaxe consiste en dedicar cada unha das pezas á memoria dos que en vida foron amigos ou familiares dos seus amigos directos. É dicir, Ravel non homenaxea aos mortos por si mesmos, senón aos vivos a través dos seus mortos. Catro dos seis movementos orixinais foron orquestrados por Ravel en 1919.

Gabriel Fauré escribiu unha primeira versión da Pavana op. 50 para piano en 1887, aludindo no seu nome á mencionada danza de procesión da corte española. O compositor describíaa como «elegante, pero non importante». Fauré realizou unha versión orquestral no verán de 1887 para ser tocada nunha serie de concertos de verán. Tras dedicar a obra á súa mecenas, a condesa Greffulhe, sentiuse obrigado a orquestrar un novo arranxo, e por recomendación desta, engadiu un coro opcional, non visible, para acompañar á orquestra. A versión orquestral foi estreada o 25 de novembro de 1888. En 1891, a condesa axudou a Fauré a producir a versión con dous bailaríns e coro, nun espectáculo coreográfico deseñado para ambientar unha das súas festas nos xardíns do Bosque de Boulogne. A Pavana gozou de gran popularidade, xa sexa con ou sen coro. Con coreografía de Léonide Massine foi levada ao escenario polos Ballets Rusos de Sergei Diaghilev en 1917, quen a mantivo no repertorio da compañía ata o final da súa vida. A obra inspirou outras pezas de carácter arcaizante, como o Pasapié da Suite Bergamasca de Claude Debussy, así como a Pavana para unha infanta defunta de Maurice Ravel, escrita cando aínda era alumno de Fauré no Conservatorio de París.

A suite Masques et bergamasques, op. 112, foi arranxada por Fauré a partires de música incidental que proporcionou para un entretemento teatral ou comédie lyrique encargado por Alberto I, Príncipe de Mónaco, para a súa estrea en Monte Carlo en 1919. Fauré era director do Conservatorio de París e as súas funcións oficiais limitaban o tempo, xa escaso, que tiña para entregar a composición polo que reutilizou material de composicións anteriores; a partitura orixinal contiña oito pezas, incluídas dúas cancións para tenor, unha pasaxe coral e a Pavane, Op. 50. Estes números non se incluíron na suite publicada, que mantén só catro dos movementos. Fauré propuxo unha historia baseada no poema Clair de lune da colección Fêtes galantes de Paul Verlaine (1869), relatando como os membros da troupe da Commedia dell’arte espiaban os encontros amorosos dos aristócratas. Fauré puxera música ao poema en 1887 e tomou o título da nova obra das primeiras liñas do mesmo.

Maximino Zumalave

Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992 – 1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela. Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Georghiu, as irmás Labèque, A. de Larrocha, A. León Ara, G. Sandor, J. Soriano e F.P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Maximino Zumalave dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny, Villa Rojo, coidando especialmente as primeiras audicións de novos compositores galegos como Alonso, Balboa, Buíde, Durán, Macías, Paz, Pereiro, Vázquez ou Viaño.