Música en directo, poesía e audiovisual co Ciclo Experimenta, do 22 ao 24 de xullo nos xardíns de San Marcos e no claustro do Museo de Lugo
A programación, organizada por Tele Clube coa colaboración da Vicepresidencia, inclúe actuacióins de Homem en Catarse (Portugal), Amorante (Euskadi), Strange Mystery Flower (Galiza) e Los Sara Fontán (Cataluña)
As entradas, de balde, poderán reservarse a partir do 15 de xullo, no enderezo electrónico info@teleclube.com
Presentación do Ciclo Experimenta 2021. Foto de Loopez para Viva Lugo

Os xardíns do Pazo de San Marcos e o claustro do Museo de Lugo acollerán a segunda edición de Ciclo Experimenta, un programa que conxuga a música en directo co audiovisual e a poesía. A iniciativa, promovida por Tele Clube coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, inclúe actuacións de Homem en Catarse, Amorante, Strange Mystery Flower e Los Sara Fontán do 22 ao 24 de xullo.


Na presentación da iniciativa, Chus Rodríguez, de Tele Clube, destacou a satisfacción que supón para a entidade retomar un proxecto iniciado no 2019 e interrumpido pola pandemia no 2020 e explicou “os eixos nos que se fundamenta esta nova andaina do Experimenta serán riqueza e diversidade das linguas (este ano en portugués, galego, inglés, euskera e castelán), o audiovisual, a poesía e a mestura da música folclórica e máis tradicional con propostas totalmente innovadoras e rupturista”. Referiuse tamén a importancia dos escenarios para a experiencia do público participante, que “poderá desfrutar dunha viaxe sensorial sentado na súa cadeira”


A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, explicou que “desde a área de Cultura apoiamos esta iniciativa movidas por dous obxectivos: apoiar o tecido asociativo e a actividade cultural, neste caso a través dun ciclo moi singular que nos achega a creadoras e creadores de toda a Península, desde Portugal ata Cataluña; e promover o uso cultural e social dos espazos públicos xestionados pola Deputación de Lugo, unha liña na que apostamos sempre para facilitar que a cidadanía desfrute e valore estes espazos de gran valor patrimonial”.


A programación suporá a volta da actividade cultural aos xardíns do Pazo de San Marcos tras a pandemia, cun uso » adaptado á situación sanitaria e compatible coa conservación e protección destes espazos». A entrada aos concertos será gratuíta, pero con reserva previa a partir do 15 de xullo a través do enderezo electrónico info@teleclube.com

Programación

Xoves 22 de xullo – 20:30h. Xardíns do Pazo de San Marcos:

HOMEM EN CATARSE (Braga, Portugal – shoegaze, postrock e Fado)

Homem em Catarse é o proxecto máis persoal do músico de Barcelos (Portugal), Afonso Dorido.

Poderemos experimentar o seu directo, que −como di el mesmo− é “tomarmos en nós a alma de Portugal com base en todo o mundo” o xoves 22 de xullo, inaugurando o Experimenta II, nos xardíns do Pazo de San Marcos.

Afonso Dorido explora as cordas da guitarra e o corpo do instrumento para crear sons que nos fan lembrar a músicos como Vini Reily dos Duruti Collumn, o shoegaze de Slowdive ou o post−rock de Mogwai. Tamén forman parte das súas pezas, as súas verbas, cantadas en portugués e cargadas de sentimento, de Fado.

Despois de ter recibido varios premios da crítica co EP “Guarda−Rios” e o álbum “Viagem Interior”, Homem em Catarse inicia o ano 2020 con “sem palavras|cem palavras”, baseado nun poema da sua autoría que da nome ao disco onde escoitamos por primeira vez un piano e unha caixa de ritmos en sintonía coa súa inconfundible guitarra e, esporadicamente, algunhas voces.

Este disco foi considerado pola prestixiosa Headliner lusa como o mellor disco en solitario (música portuguesa) de 2020 e algúns dos seus temas soaron en radios norteamericanas (como por exemplo na reputada DKFM), e tamén en países como Australia ou Canadá.

Venres 23 de xullo – 20:30h. Xardíns do Pazo de San Marcos:

AMORANTE (Elgóibar, Euskadi – artista multiinstrumentista)

Artista multiinstrumentista vasco, cunha voz desgarradora que por momentos semella Camarón cantando en euskera (ten cancións instrumentais, outras en euskera, algunha en castelán), mistura música popular dende un punto de vista contemporáneo, cun dos mellores directos, actualmente, do país.

Entre Rodrigo Amarante, músico brasileiro, e Enrique Morente, cantaor flamenco, brota a semente de Amorante. O artista de Elgóibar levaranos o vindeiro venres 23 de xullo, de paseo improvisado polos xardíns do Pazo de San Marcos desde o ancestral ao moderno ou do moderno ao ancestral, cun repertorio de música popular, respetando as tradicións, pero coas ferramentas da tecnoloxía máis moderna. Entre os instrumentos que lle escoitaremos tocar están a guitarra, o armonium, o ukele, o campano ou a trompeta e con eles experimentará en confabulación co público, como actor participante da súa obra, xogando tamén cos loops e sintetizadores.

Auguramos un concerto espectacular e sorprendente, pois da copla poderemos pasar á cumbia, o trap ou o afrofunk, nun despregue vocal que nos abrirá a nos tamén a boca. Abriremos tamén as orellas para captar as súas letras, algunhas delas en euskera, o que agradecemos porque trátase tamén, de que a lingua empregada no espectáculo sexa parte lenzo que pinta o artista.

Sábado 24 de xullo – 12h. Xardíns do Museo Provincial:

STRANGE MYSTERY FLOWER(Ferrol – espectáculo poético-musical multidisciplinar)

Dúo formado polos irmáns Rogelio (Roger de Flor) e Amparo Arias, ferroláns, aínda que para este proxecto gravaron tamén co guitarrista/arranxista Raúl Diz, a cellista Macarena Montesinos ou o contrabaixista Íñigo Azurmendi e poderían acompañalos, algúns deles, en directo.

No seu directo, que se celebrará o sábado 24 de xullo, desfutaremos dun espectáculo poético−musical multidisciplinar que en pouco máis dunha hora percorre o imaxinario poético de William Blake, a través destas xoias de pop atemporal de dous/tres minutos, algún que outro poema recitado.

Así contan os seus protagonistas onde atoparon o espíritu de William Blake e decidiron misturalo coas súas músicas: «Todo comezou durante unha viaxe fascinante polo norte de Italia hai cinco anos, onde Roger descobre unha misteriosa relación cos poemas de William Blake. Eses escritos místicos e visionarios espertan o desexo do músico de compoñer melodías e cantalas. Así é como se orixina SMF; e baixo este pseudónimo decídese a gravar dez desas cancións xurdidas durante a viaxe».

 

LOS SARA FONTÁN(Calonge, Catalunya – emoción experimental e enerxía polirrítimica)

Para pechar esta segunda edición do Experimenta II, o sábado 24 de xullo, contaremos cun dos dúos máis intensos e sorprendentes do momento. Misturando a emoción experimental de Sara Fontán (moito máis que violinista) coa enerxía polirrítmica de Edi Pou (batería e 50% de Za!) brotan LOS SARA FONTÁN.

Sen discos nos petos, Los Sara Fontán só fan unha cousa e fana moi ben: “o directo”. Sempre en constante transformación, nunca escoitaremos dúas pezas iguais, pois, as súas execucións adáptanse aos espazos nos que actúan.

Gústannos especialmente este dueto porque fala o noso idioma, pois abre a música a múltiples disciplinas, á danza (Los Sara Fontan & Sonia Gómez), á poesía (Los Sara Fontan & Blancallum Vidal) ou mesmo ao audiovisual (BSO de ‘Magaluf Ghost Town).

En tres anos de traxectoria como dueto, LOS SARA FONTÁN xiraron por España, Portugal, Francia, Suiza e Alemaña, incluíndo festivais internacionais (One Of A Million, BAM, AMFest, Sound Isidro, Eufònic, Alhambra Jazz) e templos do Do−It−Yourself (desde o Liceo Mutante ao Kastanienkeller de Berlín).

Sara Fontán, quen agardou 25 anos para porse ao fronte dun proxecto co seu nome, trala experimentación do uso do violín en diferentes formatos e estilos (na electrónica, con Árbol; na videodanza con PIÑA, na improvisación libre coa Orquesta del Caballo Ganador e no pop con Manos de Topo), usa o violín como punto de partida para chegar a calquera textura e invocar calquera estado emocional. Ao seu carón, Edi Pou (mitade de ZA!, referentes do underground europeo) asume o reto de “converter a percusión en melodía y tensar a dinámica do minúsculo ao épico”.